Case medio cento de persoas iniciaron as actividades da programación do XIII OUTONO EN MARCHA que iniciou as andainas polo percorrido pola SENDA DAS CAPELAS, dentro da parroquia larachesa de Montemaior. Entre os participantes atopábase unha ampla representación de xente do propio concello e da Escola Oficial de Idiomas de Carballo.
O percorrido tradicional dentro da programación de andainas de outono, percorre os vértices da parroquia, entre os núcleos relixiosos de Sta Margarida e o igrexario parroquial de Sta María Magdalena.
A serpe de camiñantes visitou lugares como O Viso, onde quedan restos dunha antiga fortificación e onde se ubicou unha das capelas que da nome ao percorrido.
Outros lugares a visitar foron o Castro da Pena, a capela de S Roque da Pena, a Capela de nosa Señora de Cumiáns ou o fermoso carballo do Outeiro.
Sen dúbida, a parada máis importante foi a que nos levou tamén a coller folgos no avituallamento de Cumiáns de abaixo.
Hai referencias ao curtidoiro en 1852 e achega ata os nosos días as dependencias principais onde se desenvolvía un penoso traballo de curtido de peles.
O máis interesante sempre é a intervención de Suso que, a través dunha hospitalidade compartida a partes iguais con María, acaba descifrando o periplo histórico dun equipamento restaurado de xeito modélico.
O curtidoiro atópase enmarcado nun auténtico conxunto etnográfico, que alberga casa, apartamento, alprendes, xardín, lareira e un dos poucos muíños en funcionamento que podemos visitar nas andainas. Hoxe en día con usos dun fermoso establecemento turístico como Casa Rural de Cumiáns de Abaixo.
Tan só recoller o agarimo desta parada, serve con creces para vivir un domingo de contacto coa natureza e cun grandísimo grupo humano.
Grazas por participar. Vémonos o vindeiro domingo na andaina RAZO-BALDAIO PARA PROTEXER.