Case un cento de persoas acudiron á chamada da XV PRIMAVERA EN RUTA para percorrer as corredoiras do coñecemento do patrimonio nas dúas primeiras andainas propostas.
O SON DO ANLLÓNS marcou a saída do programa cun percorrido onde o máximo interese estivo en percorrer as beiras do río de Bergantiños no seu estado orixinal. Cada vez son menos os percorridos nestes estados debido ás actuacións agresivas co entorno ao encher de zahorra e entullo as marxes dun espazo incluído na Rede Natura e que goza de ser un espazo Z.E.C. Verdes, un dos epicentros do río, estase convertíndo nun paseo ao que só lle faltan os bancos, papeleiras e farolas.
Este itinerario uniu Carballo coa Pontedona a través de vestixios importantes como as mámoas dos Vilares de Sísamo ou o castro e a igrexa da mesma parroquia. Outros lugares de interese foron as zonas de inundamento do río e a aula de natureza que representa a vexetación de ribeira do Anllóns: todo un catálogo de árbores autóctonos.
A segunda das andainas polos CAMIÑOS DE ALDEMUNDE propuxo un itinerario entre os concellos de Cerceda, Tordoia e Carballo. Tres concellos de dúas comarcas diferentes, Bergantiños e Soneira. Todo isto conflúe nun bosque da Ribeira da Pena que é aínda unha das manchas de bosque autóctonas máis importantes da bisbarra. Aínda así, a tala de vexetación autóctona unida ás plantacións de eucaliptos fan que a regresión deste espazo nos últimos anos sexa terrible. Entre outros lugares de interese e ademais do bosque, estivo o castro de Aldemunde e o dolmen da Pedra Moura.
Nesta última das andainas temos que agradecer a colaboración de Protección civil de Carballo e tamén a da entidade VECIÑOS POLO RURAL, de Cerceda, cunha presenza masiva nesta actividade. Moitas grazas pola sensibilidade, aporte e loita continuada polos valores do rural.