Chegou o Apalpador á biblio

Chegou o Apalpador á biblio

Apalpador na Biblioteca Rego da Balsa

Apalpador na Biblioteca Rego da Balsa

Onte, día 21 de decembro, veu dende as montañas do Courel en Lugo O Apalpador a visitar ás nenas e nenos de Bergantiños. E fíxoo na biblioteca Rego da Balsa, pois para el é moi importante ler e adquirir coñecementos a través dos libros, pois cos coñecementos chegaremos moi lonxe. Por isto escolleu ese sitio para facerlles unha visita a eses cativos entusiastas dos libros.

Alí esperábano con moito entusiasmo e emoción algo máis de 30 rapaces acompañados polos seus proxenitores.

Baixo a atenta mirada do apalpador escoitaron e recolleron con moito agarimo e ledicia todas as verbas que lles transmitiu. O carboeiro do Courel contoulles moitas cousas e respondeulles a todas e cada unha das preguntas que lle facían. Contoulles que a natureza é a nosa amiga e que entre todas e todos a debemos coidar, tamén lles dixo que pola súa terra había un animal que estaba a piques de desaparecer, o oso pardo, pero que moi preto deles, en Baldaio, había un paxariño moi pequeno chamado a Píllara das dunas, que era moi importante e que por diversas malas actuacións da poboación estábamos a facer que non se puidese reproducir, e doulles unhas pautas para que poidan seguir conservándoo e facendo que a especie creza; como por exemplo, non levando animais domésticos soltos á praia.

Tamén lles falou da importancia que ten o compartir tempo coas amigas e amigos, pois é o mellor xoguete que podemos ter; e que nunca debemos de deixar de ler, pois nos libros está o saber e tamén nos nosos maiores, a quen debemos escoitar con moita atención.

O apalpador despediuse das nenas e nenos de Bergantiños ata o ano que vén desexando regresar, sempre e cando sigan mantendo ese respecto tan grande pola natureza e sigan así de bos coma ate agora.

Onte despedímonos do apalpador e agradecémoslle  que viñese dende tan lonxe a vernos, mais hoxe dámoslle a benvida a primeira das HISTORIAS DE INVERNO da man de Natalia Petrova, ás 19h no Espazo da Natureza de Oza, alí nos contará como foi a súa vida en Shalí, cidade situada no centro da república rusa de Chechenia.

Alí vos esperamos a todas hoxe!!

 

Apalpador Na Biblioteca. 5º Inverno Ancestral

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank