Outra edición da Escola Ambiental Senda Nova-Concello de Carballo tocou ao seu fin este pasado sábado no Espazo da Natureza de Oza.
Ao acto asistiron membros do Concello de Carballo, así como familiares e amigos da rapazada asistente. Tamén un bo número de persoas de Senda Nova, que se animaron a arroupar e homenaxear ás rapazas e rapaces protagonistas doutra edición que se esgotou a cando a primavera.
25 sesións directas foron das que gozaron os máis de 30 participantes que se deron cita durante a evolución desta décima edición da Escola Ambiental.
As sesións foron variadas, tendo como centro de operacións o mesmo Espazo da Natureza de Oza, que alberga a maioría do equipamento da Escola Ambiental. Entre os espazos destaca o invernadoiro ou a biblioteca, que se completou cunha charca para anfibios. Os arredores do centro e da mesma parroquia de Oza tamén foron destino de excursións, como as que os levaron ao Castro do Rodo ou mesmo a unha granxa de vacas.
As excursións máis lonxe tamén foron habituais. Varias e diferentes visitas ao Espazo Natural de Baldaio, o Bosque da Ribeira da Pena, as excursións polo río Anllóns ou as visitas ao Esteiro do Anllóns foron só algunhas das saídas efectuadas dentro da ampla programación de actividades que se estendeu dende novembro a xullo.
O programa achegouse ao patrimonio ambiental e cultural, pero tamén a través de sesións de contacto coa natureza e de coñecemento do material. Deste xeito, xs participantxs puideron achegarse a equipos ópticos en sesións ornitolóxicas, pero tamén adquirir destrezas con material ao aire libre como tendas vivac, mochilas, sacos…etc. o que supuxo poder facer pernoctas en actividades dentro do organigrama da Escola Ambiental. Tratouse de sesións chamativas para a rapazada, onde afianzaron vínculos e fortaleceron espírito de convivencia.
O compromiso das familias agrandouse respecto a sesións anteriores, crecendo de xeito exponencial a Escola a través da confianza da rapazada no proxecto. Deste xeito o balance que facemos é tremendamente positivo, dando lugar á participación dos menores noutras accións fora da Escola e con intereses similares de coñecemento do entorno.
Agradecer ao Concello de Carballo pola colaboración continuada no proxecto así como o compromiso de monitorxs, familiares e sobra todo xs protagonistas do programa máis importante de Senda Nova de cara ao futuro: xs rapacxs. Canteira de ecoloxía e da propia asociación.