Comezan as Xornadas de Interpretación dos Bosques 2019

Comezan as Xornadas de Interpretación dos Bosques 2019

Onte, mércores 27 de febreiro, presentamos no Espazo da Natureza de Oza a programación para celebrar estas Xornadas de Interpretación dos Bosques que como cada anos vimos a celebrar por estas datas.

Estas xornadas nacen co obxectivo principal de poñer en valor e dar a coñecer o bosque atlántico , as súas características principais e sobre todo as súas problemáticas actuais. Durante estas xornadas tentaremos achegarnos ás masas de bosque autóctono máis importantes e mellor conservadas da nosa comarca, a través de camiñadas interpretativas.

A primeira actividade terá lugar o domingo día 10 de marzo, e consistirá nunha ruta a pe nomeada “Camiños de Aldemunde” unha tradicional actividade, que levamos percorrendo 10 anos, polo bosque da Ribeira da Pena, un dos espazos máis especiais e mellor conservados que hai na zona, pero que ano tras ano está a sufrir graves feridas que están a acabar con el, talas indiscriminadas, especies invasoras, incendios forestais, apertura de pistas, degradación dos antigos camiños e corredoiras… A pesar de poñerllo difícil, segue a ser un bosque máxico, cheo de especies vexetais e animais moi importantes, un auténtico refuxio para a nosa fauna, e un lugar onde gozar da natureza en estado puro.

A segunda camiñada que faremos será o sábado día 23 de marzo, nesta ocasión desprazarémonos pola mañá até as beiras do río Bardoso no concello de A Laracha, un lugar magnífico para observar a vexetación de ribeira, e a importancia da mesma. Nunha época na que cada vez é máis difícil fuxir do monocultivo, e atopar manchas de vexetación autóctona queda case relegado ás marxes das nosas canles fluviais.

Despois de comer o bocadillo todas xuntas, desprazarémonos até o bosque da Berbia en Entrecruces (Carballo), e adentrarémonos tamén nos seus antigos camiños e corredoiras, para coñecer outra das poucas masas arbóreas autóctonas do Concello. Neste lugar atopamos unha importante presenza de rastros de fauna, especies vexetais moi especiais como a woodwardia radicans, e un manto de vexetación autóctona que fan espertar todos os sentidos cando te adentras nel.

Ámbalas dúas actividades se desenvolverán en xornada completa, e é precisa a inscrición previa, que deberá realizarse no Espazo da Natureza de Oza os xoves ou venres de 17:00 a 20:00 ou en Protección Civil de Carballo de luns a venres en horario de mañá (10:00 a 13:00). Sendo os prezos de inscrición para as persoas maiores de idade de 6 euros non socias, e 3 euros socias / menores de idade 3 euros non socias, e 1 euro socias.

Ademais das camiñadas interpretativas, celebraremos o xa tradicional Día da Árbore, que consiste nunha plantación conxunta de especies autóctonas. Outros anos celebramos a plantación en diferentes espazos públicos (xardíns, ribeiras etc) e dende fai dous anos vimos a celebrala no Espazo da Natureza de Oza. Plantando pequenos exemplares de castiñeiros, carballos, acivros etc dentro do recinto para realizar un pequeno viveiro de árbores autóctonas que serven para trasladar aos seus lugares definitivos cando alcanzan unhas características suficientes que garantan en maior medida a súa supervivencia.

Este ano a plantación trasladarase ao perímetro do recinto, e non só traballaremos na plantación de novos exemplares de vexetación autóctona, se non que tamén traballaremos na erradicación de eucaliptos que están a medrar neste lugar.

A participación nesta actividade é libre e de balde, e pode participar persoas de todas as idades, soamente tes que traer un cubo, unha pala e uns guantes, e sobre todo moitas ganas de traballar en equipo!

Este ano o día da árbore tamén se trasladará a diferentes colexios da zona, onde o luns día 18 de marzo realizaremos a plantación de especies autóctonas nos recintos escolares, con pequenos grupos de escolares da propia escola. O que servirá sobre todo para espertar nos máis pequenos o respecto e o amor polas árbores que formarán parte  da historia dos seus colexios.

Sen máis só nos queda agradecerlle a todas as persoas que fan posible que esta programación saía adiante, voluntarias da entidade, profesorado dos colexios da zona, e sobre todo a agrupación de protección civil de Carballo que de novo colabora con nós nunha labor tan importante e necesaria como a dos apuntamentos.

Esperamos vervos en todas as actividades!!