Corazón da desfeita

Ruta das mamoas3 XPR

Ruta das mamoas3 XPR

Ruta das mamoas2 XPR

Ruta das mamoas2 XPR

Ruta das mamoas XPR

Ruta das mamoas XPR

O sur do concello de Cabana de Bergantiños. No corazón perdido do sur bergantiñá atópase o epicentro da persoalidade da ruta das mámoas. Tamén o comezo da andaina e como non, o lugar da Piolla e unha plantación de castiñeiros visitada ano tras ano e que neste 2019 foi a orixe dos pequenos fillos plantados no Día da árbore.

Ben puidera ser o espazo que os case 40 camiñantes, que se deron cita nesta segunda andaina da X PRIMAVERA EN RUTA, tiveran de exemplo do que debemos facer co noso monte, pero non. Esta zona é unha como tantas outras, representativa da eucaliptización drástica. Os castiñeiros son testemuñas soamente de actuacións que por extensas non deben ser normais, máis aínda cando se trata de localizalas nun dos espazos de Bergantiños con maior concentración de patrimonio.

 

A zona alberga unha concentración dunhas 14 mámoas nun sorprendentemente pequeno espazo xeográfico. Un campo de patrimonio megalítico excelente. Exquisito. Un área de estudo que se complementa de maneira máxica coa aparición de petróglifos. Trátase dunha zona de concentración de patrimonio inusual dentro da xa abondosa e rica xeografía da Costa da Morte.

 

Apenas 4 se atopan en estado medianamente pasable de conservación. O tremendo eucaliptal que cubre o valioso patrimonio foi achanzado coas máis pesadas máquinas. A desfeita é tan espectacular que, non por visitala ano a ano deixa de sorprender. Aínda agrandarse. É dificil lembrar situacións deste estilo no xa ben agredido patrimonio da Costa da Morte. Por suposto, a autovía foi un excelente aliado na desfeita.

 

Na beira dereita da 552 o patrimonio megalítico dou paso ao castrexo do castro do Anido e tamén  ao pazo de Casanova. A heráldica da impoñente construción civil dounos paso a igrexa parroquial de Nantón nun enclave fermoso, acolledor e armónico. Un emprazamento exemplo da ubicación das antigas aldeas, entre o monte e as agras máis fértiles, neste caso, da xa fértil comarca de Bergantiños.

 

A paisaxe escondida no val pechado do rego do Rempenín vai aparecendo pouco a pouco a medida que o grupo de participantes vai sentindo a melodía do rego saltarín.

Unha morea de xente heteroxénea en canto a idade e procedencia comeza a facer uso da cámara de fotos no ecuador da andaina para inmortalizar os muíños do Abelán, a capela de san Brais ( dentro do castro de Folgoso) e o pozo d´Orca, xa despois da sempre entetida parada para repoñer forzas. Sen dúbida unha das tantas paradas destas andainas. Sen dúbida a parada de convivenza, coñecemento e compañeirismo.

 

A última etapa do domingo levounos por camiños estreitos ata a igrexa de Rioboo, a parroquia veciña, que conserva unha xoia por retablo barroco da máis exquisita fabricación.

E como cada ano a torre da Penela. Perdida. Asentada no corazón do agro máis reprsentativo destas comarcas. Unha construción impoñente que nos transporta no tempo e que de novo foi punto final da actividade. Chegar a casa e descargar as miles de fotos. Contar as vivenzas coas compañas. De como gozamos coa paisaxe…