Cristina Vázquez del Prisco pechou a xeira de Conversas do Rural e tamén toda a programación do 8º INVERNO ANCESTRAL.
O pasado venres 23, no Espazo da Natureza de Oza, Cristina Vázquez facía un repaso pola difícil situación dos campos de refuxiadxs saharauis, en territorio arxelino. A activista laxense ten participado en diferentes proxectos de axuda e mesmo ven de visitar o deserto de Tinduf onde viven na actualidade unhas 175 000 persoas.
As difíciles condicións foron amosadas na intervención de Oza, onde os presentes puideron facer preguntas e interesarse polos xeitos de axuda e diferentes proxectos de colaboración cos refuxiadxs.
Esta intervención pechou as Conversas do Rural de Senda Nova, unhas xeira de faladoiros con persoeiros representantes de entidades que están a desenvolver labores dende o ámbito social, ambiental ou cultural, tanto na nosa bisbarra como fora dela.
Deste xeito, dende Senda Nova acollemos a persoas de diferentes ámbitos.
A semana anterior, o responsable do seguimento dos niños de Píllara en Baldaio no G. N. Hábitat, amosábanos a situación e evolución nos últimos anos da limícola dentro do Espazo Natural carballés. Destacan especialmente os datos do último ano onde, grazas ao traballo de seguimento onde ten participado Roberto de xeito continuado, das parellas de cría de Baldaio contabilizáronse máis de tres decenas de polos volantóns.
Xabi Varela tamén nos falaba dende a ornitoloxía dende o punto de vista xenérico a través dunha interesante velada chea de sentimento e romanticismo. Nela misturou abraiantes datos técnicos sobre o comportamento de diferentes especies de avifauna cun agarimo pola natureza que contaxiou aos que acudiron ao Espazo da Natureza no primeiro dos faladoiros.
A parte cultural puxérona os faladoiros coas rapazas da Asociación Brisas do Quenllo e os axitadores culturais Oscar Calvo e Euloxio Nieto.
Os activistas malpicáns fixeron un repaso polos eventos culturais onde teñen participado e o xeito de organizarse en sociedade para acadar grandes resultados. Deste xeito falaron de eventos como a Festa da Furna, a Festa da Tila ou mesmo o Festival de Pardiñas.
As rapazas de Tordoia, en cambio, centraron a súa intervención na evolución da programación cultural e de ocio dende unha pequena parroquia como Tordoia.
Aparte das Conversas do Rural, a programación do 8º Inverno Ancestral celebrou diferentes actividades entre as que destacaron o acompañamento ao Apalpador nunha boa xeira de visitas a escolas rurais da comarca ademais de centros de ensino especiais. Estas visitas realizáronse dentro das actividades de ESPÍAS NO BOSQUE, e co apoio da Deputación da Coruña.
Ademais das xuntanzas e asembleas da entidade, unha das actividades que recibiu máis público foi a celebración no Esteiro do Anllóns do Día Internacional das zonas Húmidas, coa presenza do prestixioso ornitólogo Xosé Luís Rabuñal.
Con todo este periplo de acción celebramos o remate doutra programación de inverno cunha alta participación. Con elo agradecer a todas as persoas e colectivos implicados e sobre todo, todo o voluntariado de Senda Nova.