CROA DO CASTRO DE CERQUEDA: MIRADOIRO DE PATRIMONIO

CROA DO CASTRO DE CERQUEDA: MIRADOIRO DE PATRIMONIO

XI PR Costa agreste de Cerqueda e Cambre

XI PR Costa agreste de Cerqueda e Cambre

 

Dende o alto da Croa puidemos divisar o andado e tamén o que nos quedaba por andar deste itinerario pola Costa agreste de Cerqueda e Cambre.

Coa referencia da torre dos fornos de El Progreso localizamos Os Barreiros, onde a oleiría de Buño se segue a abastecer hoxe en día dun agasallo en forma de materia prima, o barro, capaz de dotar á sociedade e durante centos de anos, de diferentes recipientes para o almacenamento da auga, a cociña… todo coa sabedoría ancestral, o orgullo oleiro, e unha grandísima dose artística.

Ao norte, o territorio polo que camiñaremos. Farémolo coas ganas do escolar que, por fin liberado do estrés de xuño,  sae de excursión de verán a gozar das explicacións dos seus profes de bioloxía e historia. Evaristo, deseñador do itinerario, executa á perfección esa labor interpretativa co condimento adicional do orgullo polo seu, e dun coñecemento minucioso do territorio por onde pisa.

Así fixo na xoia xeolóxica da zona dos muíños da Ribeira, onde as pedras nos mostran caprichos macros da natureza. O bautismo co mar nesta ruta e nesta XI PRIMAVERA EN RUTA centrou os puntos de mira das cámaras dos 25 participantes que se achegaron ata aquí. Un fermoso catálogo de patrimonio etnográfico pousado con agarimo a carón do mar polos deuses da paisaxe.

As persoas que non puideron participar desta actividade ben poden achegarse por libre a este punto de encanto para os sentidos. E facelo coma nos,  paseniño a través das agras máis fértiles do interior, onde o Pazo de Loroxo ten dominio de pracer. A construción ten o encanto da xente que vive nel. Un conxunto harmónico cun escudo e escaleiras exteriores impoñentes e de fermosa factura, que reciben @s participantes antes de entrar na chamativa capela interior que, como unha habitación máis da vivenda, persiste aos tempos coidada e aseada.

Dende a mesma Croa intuíamos as fermosas calas perdidas de Samiro e o Riás. Atopadas só por pescadores locais e europe@s de turismo viaxeiro de furgoneta, que traficaron en internet antes de arribar á desconexión total que ofrece esta parte oriental do concello de Malpica de Bergantiños.

Entre medias destas praias atopamos, escondidos a capricho, dous elementos de espectacular beleza que agardan poucas visitas de turistas e moito agarimo de viaxeir@s interesad@s e sensibles.

A Furna das Grallas ou Monte Furado soubo esconderse como ninguén nun lugar de difícil acceso a escasos metros da costa. E é que o traballo artístico do mar permitiulle adentrarse en terra por debaixo dos nosos pes, creando unha conexión de novo coa superficie a través dunha ampla cheminea de case unha decena de metros.

A Devesa dos Conventos é un centro de mistura entre a lenda e realidade, e é sobre todo, un espazo ecolóxico de inigualable beleza e salientable particularidade. Duns cen de metros de ancho, este espazo de bosque autóctono onde houbo unha construción relixiosa, esténdese a través de varios centos de metros pola fenda que forma un pequeno regato que chega ao mar. Aquí, neste punto e a salvo dunha grave salinidade marítima pola súa situación estratéxica, sitúase a carballeira máis cerca do mar de tota Europa.

Pero dende a Croa do Castro percibimos moito máis que este fermoso 360º co que percorremos os horizontes de Malpica. As explicacións de Xosé Manuel Varela dende o alto dun renovado xacemento castrexo desprende o orgullo de todos os anos e a ilusión por un percorrido futuro que coloca a Croa do Castro moito máis alá dun exemplo social e de unión veciñal que xa era. Dende unha croa radiante agárdase un novo estudo co radiómetro e quen sabe unha posible escavación. A unión veciñal, o traballo do concello, e a ilusión e esforzo de Xosé Manuel Varela están á fronte para que a Croa sexa o que foi na andaina de hoxe: nexo e miradoiro de patrimonio.

 

XI PR Costa Agreste

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank