De mapas e compás

Curso de cartografía Veran ao Natural 18

A semana pasada, de xoves a sábado, realizouse o Curso de Iniciación á Cartografía e Orientación no Espazo da Natureza de Oza.
O curso serviu para introducir conceptos básicos de Cartografía para logo comprender mellor como son e como se usan dúas ferramentas case imprescindibles para a orientación, o mapa e o compás, para guiarnos e non perdernos na Natureza e en xeral nos espazos abertos.
Os asistentes, pequenos e maiores, aprenderon a usar o compás para tomar e seguir rumbos, como se representa a Terra e cales son os diferentes elementos dos mapas e que información representan, traballaron con coordenadas xeográficas e descubriron estratexias para guiarse por outros medios naturais como o Sol ou as estrelas.

Curso de cartografía Veran ao Natural 18 2

Os primeiros días na aula a metodoloxía foi máis teórica, aínda que non faltaron demostracións con elementos cotiás e exemplos prácticos cos que, por exemplo, vimos que diferenza hai entre meridianos e paralelos, como representar unha montaña nun plano topográfico en planta e perfil, descubrimos a nosa lonxitude de paso persoal ou como orientar un mapa e dobralo para transportalo e usalo comodamente.
O sábado rematamos o curso cun exercicio de orientación en campo, que se realizou na zona de Razo e onde “axudamos” aos servizos de emerxencias na procura dun artefacto que esa mañá atravesou os ceos e caeu na zona, sendo observado por moitas testemuñas con curiosidade e preocupación (ao final atopámolo, claro).
Saímos do curso cun aprendizaxe non só para orientarse en situacións concretas na Natureza, se non que, dende un punto de vista máis filosófico, tamén para a vida, e é que non é o mesmo estar perdidos que temporalmente desubicados, na vida en xeral tamén é importante ter a capacidade de orientarse, trazar rumbos cara os nosos obxectivos e ser capaz de seguilos e recuperalos se os perdemos.
Agradecer aos alumnos tan aplicados que participaron nesta edición do curso e aos compañeiros de Protección Civil e Socorristas de Carballo, en particular aos que se atopaban no posto da explanada, que pechaban o sábado a súa tempada e amablemente colaboraron puntualmente dando información para a recreación da busca do artefacto.

Adrián Eirís

Curso De Cartografía. Verán Ao Natural 18

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank