Hoxe mércores 3 de xullo tivo lugar a primeira das actividades que se enmarcan dentro do programa Eu ❤ Razo -Baldaio, un proxecto organizado polo Concello de Carballo, e no que desenvolven as actividades a Asociación Ecoloxista Adega, o Grupo Naturalista Hábitat e a Asociación Ambiental Senda Nova.
Este programa, que se desenvolverá nos meses de verán, realizando unhas 30 accións no litoral carballés, pretende achegar a poboación e aos visitantes a importancia ecolóxica, cultural e social das parroquias que forman a costa do concello de Carballo, demostrando o valor e o interese que teñen máis alá do turismo de sol e praia. As actividades desenvolveranse os mércores e sábados dos meses de xullo, agosto e setembro polas 3 asociacións anteriormente mencionadas.
Hoxe inauguramos a xeira de accións con esta actividade que leva por título: Os Segredos Culturais da Costa Carballesa, e na que unhas 25 persoas participaron nela aportando un espírito de aprendizaxe, convivencia e observación inmellorables.
A actividade dou comezo no Espazo da Natureza de Oza ás 10:30h , onde o grupo de participantes nos xuntamos para logo comezar unha pequena viaxe polos vestixios culturais máis destacados da contorna. A actividade realizouse maiormente en autobús, debido as distancias que habería que percorrer en moi pouco tempo e para sacarlle o máximo proveito ás 3 horas de actividade e visitar o maior número de lugares de interese posibles.
A primeira parada tivo lugar a excasos metros do propio inicio, nun lugar de Oza chamado As Torres, non son moitos os vestixios que quedan da fortificación tan importante que alí se atopaba, pero si que grazas a toponimia e aos restos das edificiacións que aínda se conservan poidemos interpretar o lugar e achegarnos a importancia histórica que este pequeno núcleo alberga.
O tema principal da actividade consistiu no convite a reflexionar sobre a relación entre os diferentes lugares e vestixios históricos que iamos visitando, e sobre todo en como unhas culturas influiron nas outras até chegar aos nosos días. Se nós somos comos somos, vivimos como vivimos, construimos como construimos, en que medida ven herdado polas sociedades e culturas que nos precederon?
Esto foi o que intentamos pescudar durante todo o percorrido, e atopar as similitudes e herdanzas que foron bebendo unhas culturas das outras.
Un claro exemplo disto que comentamos vímolo na segunda parada, que tivo lugar na igrexa de San Breixo de Oza, onde puidemos achegarnos aos paralelismos entre algunhas características do catolicismo, con outras culturas e rituais precristiáns. O aproveitamento de edificacións antigas por outras sociedades máis actuais etc Tivemos a sorte de poder visitar a igrexa por dentro, e de disfrutar do fermoso retablo barroco recentemente restaurado, que data do S XVII e que se atopa entre os mellores conservados da zona. Aproveitamos a parada para achegarnos a un dos poucos petos de ánimas do Concello, e que ademáis ten unhas características que ningún dos outros presentan, sendo unha fermosa e interesante parada.
Todas as que viñeron despois foron igual de interesantes, e a pesares de viaxar no tempo dun século a outro a viaxe fíxose moi amena entre explicacións dos guías, dos propios participantes e veciños. Sen presa pero seguimos o percorrido, no cal paramos tamén a visitar o pazo de Cambrelle no cal desfrutamos do fermoso escudo que segue a manter na fachada principal, antes de continuar cara un dos puntos máis fermosos da actividade, o Castro de Castrillón. De remente viaxamos centos de séculos atrás, e situámonos na cultura castrexa. Foi aquí onde puidemos comprobar como as culturas e sociedades que viviron despois da sociedade castrexa se aproveitaron dos recursos e emplazamentos dos castros, coma neste caso, até o punto de que o catsro segue habitado hoxe en día, por un pequeno núcleo de poboación que teñen até unha capela na propia croa, adicada a Santa Irene ou Santa Irena.
Dirixímonos entón a última parada da viaxe, e non por elo a menos importante. A Igrexa de Lema, unha pequena construcción que alberga no seu interior un gran segredo e un enorme tesouro, os restos dunha construcción románica que podemos ver no seu interior, formando a propia ábsida da igrexa, e dende a sancristía, onde podemos observar os antigos muros e dinteis desa construcción anterior, aproximadamente do S.XII e que sería moito máis pequena que a que temos actualmente. Outro exemplo de como unhas culturas aproveitaban os recursos das outras, e como todas elas están conectadas.
Entorno ás 13:45h chegamos de novo ao Espazo da Natureza de Oza onde rematamos a actividade, e onde realizamos de novo unha última reflexión para levar nas nosas cabezas para a casa e seguir pensando nela: Que herdamos nós de todas as culturas que hoxe coñecemos?.
Foi un auténtico pracer compartir unha magnífca mañá de sol con tan grata compaña, cunhas participantes entregadas, interesadas e sempre sumando a actividade as cales lles agradecemos o esforzo e a participación.
Só nós queda convidarvos a que participedes en todas as accións que quedan por diante, e que este mesmo sábado continúan cunha actividade sobre a Píllara das Dunas de man das compañeiras do Grupo Naturalista Hábitat.
Estade atentxs a programación, e non esquezades apuntarvos ás próximas!!
Eva Cameán.