Despedimos o V Inverno Ancestral

Despedimos o V Inverno Ancestral

magosto presentación V Inverno

O inverno aínda non rematou, porén os días xa son máis longos e as noites un chisco máis curtas. As últimas brasas da lareira aínda non esmoreceron de todo mais para nós o inverno xa se despediu, e xa lle puxemos fin a dous meses de programación na que desta vez xa cumprimos 5 Invernos Ancestrais. Cinco anos de conservación do patrimonio que menos se pode palpar pero o que máis latente está. O noso patrimonio cultural e inmaterial, ese que acompaña a cada unha das persoas que enchen esta programación, e que enche e cala en cada un dos participantes da mesma.

Esa programación que daba comezo alá polo 16 de decembro, no Espazo da Natureza de Oza, cun acolledor magosto e que poñía fin fai unha semana co filme “Tramalume”. Programación na que unhas 16 propostas que encheron de contidos as curtas tardes de inverno das aldeas da xeografía da comarca.

Co fin deste inverno acumulamos xa 24 novas parroquias, nas xa consolidadas Historias de Inverno. 24 aldeas distintas pero todas cun nexo común. A cultura.  A historia de cada unha como nexo de vida co presente, que labrou as vidas dos que hoxe a habitan ou dos que nalgún tempo a habitaron. Dos que recordan con agarimo e nostalxia aqueles tempos mozos cheos de felicidade con ben pouco ou mesmo dos que a día de hoxe, doutro xeito ben distinto, enchen de vida as rúas das mesmas. E nos que a máxima diversión era xuntarse a carón dun bo lume nas longas noites de inverno e falar, falar uns con outros cara a cara durante horas, nas que o tempo corría sen decatarse da velocidade co que o facía.

Hoxe con cada unha das historias de inverno regresamos a eses tempos de fai 40 ou 50 anos atrás, nas que sen a ausencia dunha lareira real, mergullámonos de cheo naquelas noites a carón dela, e na que a nós, tamén nos pasa o tempo voando mentres escoitamos as sabias verbas das narradoras e narradores.

Andoio, Candelagho e Sofán foron as principais protagonistas destas Historias de Inverno, mais este ano viaxamos ata os montes Chechenos para vivir os invernos dunha nena chechena nun campo militar.

E, como non, este ano tamén chegou o apalpador a terras bergantiñáns. E fíxoo achegándose ata a biblioteca do Rego da Balsa onde unha boa presa de cativos o esperaban con grandes ansias e ilusións. E onde o carboeiro do Caurel, lles achegou a paixón e o amor pola natureza e pola conservación da mesma e de todas e cada unha das especies que habitan nela, e se cabe, un pouco máis a protección de diversos animais que sofren constantemente agresións coma o lobo, ou o raposo.

Tampouco puido faltar, os xa instaurados Xoves de Filme, que o fixeron durante nove xoves continuados, sempre a mesma hora e no mesmo lugar. Outorgándolle vida ao Espazo de Oza ás 19h. Enchendo de valores a todos e cada un dos que se achegou a compartir un momento da tarde para coñecer un pouco máis certas problemáticas ambientais, socia ou mesmo culturais dos nosos arredores. E na que compartir un pequeno debate ao remate de cada un dos documentais.

E así, case sen contalo e sen decatarnos, para Senda Nova rematou o inverno. O lume case se esvaeceu e despedímonos do V INVERNO ANCESTRAL, agardando a que chegue o próximo para volver a tizar nas brasas da lareira e volvernos a mergullar na calor das sabias verbas que nos enche as longas noites polas aldeas de Bergantiños.

Grazas a todas e todos os que participastes para que outro inverno máis se levase a cabo; narradores, presentadores e, especialmente ás voluntarias e voluntarios da entidade.

 

V Inverno Ancestral

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank