O pasado domingo 17 de marzo unhas 40 persoas achegámonos ao Espazo da Natureza de Oza para celebrar un ano máis, o xa tradicional Día da Árbore. Unha actividade enmarcada dentro das Xornadas de Interpretación dos Bosques 2019 que de novo nos achega as problemáticas presentes nos nosos bosques autóctonos e que pretende poñer en valor a importancia ecolóxica, cultural e histórica destos espazos.
É por isto que dende a entidade vimos a celebrar estas xornadas, e esta actividade, dende fai moitos anos para contribuir sobre todo na educación ambiental das máis novas a través dunha acción conxunta e familiar como a que tivo lugar onte, e que se ven realizando en diferentes espacios públicos como xardíns, beiras dos ríos etc
Este ano a plantación trasladouse ao perímetro exterior do Espazo da Natureza de Oza, neste lugar hai dende fai anos unha plantación de eucaliptos que recentemente foi talada unha parte dela. No seu lugar plantamos diferentes variedades de árbores autóctonas tales como castiñeiros, carballos, loureiros ou acivros. Pero este ano ademáis, como novidade, realizamos unha importante tarefa de deseucaliptización, que consistiu básicamente en erradicar os novos exemplares de eucaliptos que estaban a brotar, arrincandoos de raíz, e podando as cepas que voltaban retoñar, para posteriormente tapalas con plástico, privandoas de luz e aportándolles unha humidade ideal para a proliferación de fungos e enfermidades, para desta forma debilitar as cepas e as raices destos exemplares.
Na actividade participamos unhas 40 persoas, de diferentes idades e de diferentes puntos do concello, traballando en equipo por un obxetivo común: poñer o noso gran de area na conservación e posta en valor do bosque atlántico.
Tanto as máis cativas, como as persoas adultas, ou as familias enteiras que participaron na actividade tiñan a súa tarefa e traballaron durante a xornada para erradicar os eucaliptos presentes e plantar as novas árbores que formarán parte deste pequeno bosque autóctono que pouco a pouco esperemos que vaia aumentando e medrando.
Atopámonos moitas sorpresas como varios exemplares de píntegas comúns, escaravellos etc Sorprendendo a pequenas e maiores e servíndonos para coñecer e observar a riqueza do noso entorno.
Esta sempre é unha xornada enriquecedora, de traballo en equipo, de aprender en familia, e sobre todo de aportar cada un o noso gran de area para seguir loitando por que os nosos espazos acaden a protección e o recoñecemento que se merecen.
Seguimos coas Xornadas de Interpretación dos Bosques 2019, que nos levarán a coñecer diferentes masas autóctonas na comarca, e a realizar plantacións en diferentes puntos da mesma.
Estade atentas, e sobre todo, seguide coidando dos nosos bosques!