O vindeiro sábado día 2 de febreiro celébrase a nivel mundial o Día Internacional dos Humidais, e dende Senda Nova vimos traballando dende fai anos na posta en valor de ditos espazos na nosa comarca, a través de diferentes xornadas e actividades como “Baldaio máis Cerca”, “Xornadas de Interpretación da Lagoa de Alcaian”, X.Int da Lagoa de Traba”, “X. Int do Esteiro do Anllóns”, así como en actividades puntuais en cada un destos lugares con grupos escolares, nenxs da Escola Ambiental Senda Nova etc. Poñendo, a través delas, en valor cada un destos lugares de alto nivel ecolóxico, cultural e social.
Este ano vimos de presentar Os Días de Achegamento aos Humidais de Bergantiños , unhas xornadas que se desenvolverán en dous fins de semana diferentes e consecutivos, para poñer en valor e coñecer a través de diferentes visitas os humidais da nosa comarca: Lagoa de Baldaio, Lagoa de Alcaián, Esteiro do Anllóns e Lagoa de Traba.
A primeira actividade terá lugar o domingo 3 de febreiro e consistirá nunha visita interpretativa aos humidais de Baldaio e Alcaián.
Pola mañá visitaremos o espazo natural de Baldaio, contando coa colaboración do Grupo Naturalista Habitat que virá a botarnos unha man co aspecto ornitolóxico, xa que Baldaio é un paraiso para os amantes das aves, atopando nel diferentes especies todo o ano, e máis nesta época de frio, por ser un lugar de paso e de descanso de moitas aves do norte de Europa que migran cara o sur buscando climas máis cálidos. Os expertos voluntarios e voluntarias de Habitat falarannos das especies máis relevantes que podemos atopar, e da importancia ornitolóxica do lugar.
Pola tarde desplazarémonos até a Lagoa de Alcaián, no veciño municipio de Coristanco, pero non sen parar a comer antes. Nesta ocasión comeremos todos xuntos nun bar, de camiño a Alcaián, a comida vai incluida na inscripción da actividade.
Pola tarde visitaremos o que queda do humidal de Alcaián e falaremos da situación na que se atopa actualmente.
A segunda actividade das xornadas celebrarase o sábado día 9 de febreiro, durante a cal visitaremos o Esteiro do Anllóns e a Lagoa de Traba de Laxe.
Pola mañá visitaremos o fermoso Esteiro , no concello de Ponteceso, e contaremos coa colaboración do gran ornitólogo e membro de honra da SEO, Xose Luís Rabuñal Patiño, que nos falará das centos de visitas que leva feitas a este espazo, e a importancia ecolóxica e ornitolóxica do mesmo.
De novo, entorno ás 13:30h pararemos a comer todas xuntas, e desplazarémonos pola tarde até o concello de Laxe, onde visitaremos o humidal de Traba. Un fermoso humidal, acompañado dun sistema dunar rico e importante.
Deste xeito querémonos achegar a todos os humidais da comarca, e a levar unha visión ampla de cada un deles, e de todos eles no seu conxunto. Saber en que situación se atopan, a importancia de cada un deles, e que sirva para que nunca queden no esquecemento e todas voltemos para a casa sabendo un pouquiño máis de todos estos fermosos recunchos que temos tan preto, e que teñen unha importancia ecolóxica vital.
Esta actividade ten moito máis sentido aínda, grazas á colaboración dos persoeiros que nos van acompañar nas mesmas e que nos ilustraran e nos desmigallarán o patrimonio natural que vamos a visitar, como é o caso dos membros do GN Hábitat, e de Xosé Luis Rabuñal. Que se prestaron dende un primeiro momento a participar e sumar nestas xornadas. Agradecerlles fondamente a súa colaboración.
Ambalas dúas actividades realizaranse en xornada completa, e é precisa a inscripción previa:
Os prezos son os seguintes: Persoas adultas: 21 euros non socias / 18 euros socias — crianzas: 18 euros non socias // 15 euros socias
Lugares e datas de apuntamentos: Espazo da Natureza de Oza: os xoves de 17:00 a 20:00h — Protección Civil de Carballo de luns a venres de 10:00 a 13:00h.
O último día para apuntarse será o xoves previo a cada actividade, ou até esgotar prazas. A comida en restaurante está incluida no prezo.
Agardámosvos a todas e a todos nestas actividades de achegamento aos humidais de Bergantiños!