EMOCIÓN

Rematou  unha semana das Letras cargada de participación, de emoción e de agarimo.

DOMINGO, CORISTANCO HISTÓRICO

Fíxoo o pasado domingo dende Coristanco, percorrendo a 6º andaina a 9º edición da Primavera en Ruta. Coma sempre, a participación neste roteiro puido gozar dun dos itinerarios con máis paradas para o coñecemento. O deseño do traxecto contén o maior desnivel acumulado de cantas andainas facemos, incluído en dúas decenas de km de contacto directo entre a meseta de Xallas e a chaira de Bergantiños.
A minuciosidade comezaba por Seavia, na estrea da mañá. Evarísto Domínguez Rial e Jose Antonio Andrade eran os encargados de descubrirnos os segredos mellor gardados do entorno da igrexa e escola e tamén do museo de Asunción Antelo.

Segufe sempre é lugar de parada longa. Poder saborear ben cada unha das obras da artista de Seavia leva un tempo maior que o dispoñible nunha andaina. Máis serviu para comprobar que unha obra deste estilo merece unha difusión entre a poboación moito máis significativa. Que nos abriran as portas do museo é sen dúbida do máis agradecido. Os novos en Segufe aínda seguen pensando na obra de Asunción.

As Torres de Nogueira agardábannos no medio das agras máis fértiles. Despois viñeron os muíños do mesmo nome e o cotón de Ferreira, ambos con sorte dispar en canto ao seu mantemento. Mentres que as silvas impiden o paso aos muíños, a veciñanza de Ferreira encargouse de deixar a parte alta do cotón do mesmo nome, apta para a visibilidade, a imaxinación e os sentidos, que se conectaban a través das historias de Evaristo.

Brenlla, Couso, O Vilar ou a historia do volframio de varilongo servían para devorar quilómetros na procura dunha Férveda do Rabiñoso que nos voltaba a recibir semanas despois. O límite con Zas era o mesmo que o de unha andaina chea de emoción e patria. De coñecemento e convivencia.

 

SÁBADO, SAÍDA COA ESCOLA AMBIENTAL Á LAGOA DE BALDAIO

Os 20 participantes da Escola Ambiental de Senda Nova tiveron unha nova cita con Baldaio. O entorno da lagoa e a marisma foi un destino perfecto para achegarse a avifauna do espazo natural, a historia da lagoa e a flora máis representativa. Unha mañá solleira das que crean afección para afrontar a recta final dunha nova edición da Escola.

 

PRESENTACIÓN DE “HOXE QUEN BAILA” E PRESENTACIÓN DAS VALEDORAS

 

O venres foi un dos momento máis emocionantes da historia de Senda Nova. Dende o Espazo da Natureza de Oza recibimos o primeiro dos documentais producidos pola nosa entidade, desta volta coa axuda indispensable da Deputación da Coruña.
Moitísimas horas de gravación, de momentos, de faladoiros das Historias de Inverno, de anécdotas… resumidas en 45 minutos intensos dun excelente traballo realizado por un montón de axudas canalizadas por Illa Bufarda.
Máis emotivo o momento por ser un proxecto de tanta xente, tantas axudas, pero máis aínda por ter xuntado, entre as máis do cento de persoas que abarrotaron o Espazo da Natureza de Oza, a case 20 narradores e narradoras, protagonistas auténtic@s das Historias de Inverno.

Emotivo pola falta de persoas que durante este tempo se nos foron e xa non se atopan entre nos. Emotivo por atoparse xuntos a experiencia de tantos maiores, coa forza e a mocidade dos nenos e nenas representadas no grupo das Valedor@as.

As valedor@s son eses nenos e nenas que despois de varios anos con nos na Escola Ambiental, superaron con creces os obxectivos primeiros que tiñamos agardados, mantendo un apoio e unha participación constante en cantas iniciativas desenvolvíamos dende Senda Nova. A súa experiencia e dedicación vai ser traducida nun achegamento máis habitual ao estudo do entorno, necesario para a verificación de agresións e para o coñecemento profundo.

A presentación del@s e os agasallos entregados a cada un dos membros por Miguel Vales, concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Carballo foi o inicio dun filme emocionante que pon de manifesto a diferencia entre o tipo de divertimento de agora e o de mediados de século pasado e serve para a reflexión profunda entre as festas nun e noutro tempo.

Un millón de grazas a entidades, concellos, presentador@s, narrador@s,Illa Bufarda, Deputación da Coruña… e cada un das persoas que durante este tempo puxeron esforzo dende Senda Nova para as Historias de Inverno.