Os DÍAS DOS BOSQUES 18 camiñan por eles mesmos.
A configuración destas xornadas de achegamento aos bosques comprenden un total de oito propostas para colectivos específicos e público en xeral co obxectivo principal da sensibilización do bosque autóctono galego.
Dende a Asociación Ambiental Senda Nova temos unha traxectoria de varios anos de organización de actividades con estes obxectivos específicos. A problemática de regresión do bosque autóctono é ascendente nas últimas décadas. A proliferación de especies exóticas, a fragmentación do territorio, a presión urbanística ou os incendios forestais son algunhas das causas que derivan nunha regresión do bosque tradicional en favor de doutro tipo de solo e en contra de ecosistemas propios que perden poboacións vexetais e animais.
A nivel social, en moitas ocasións, estes espazos non son o suficientemente coñecidos, polo cal se dificulta a súa valoración e á fin, unha falta de apego e de consideración dos espazo. A ignorancia da importancia dos bosques acaba permitindo a destrución dos mesmos.
A idea das xornadas é precisamente a o achegamento a estes espazos dun xeito interpretativo, sacándolle o máximo partido a cada unha das visitas.
O bosque da Ribeira da Pena, na confluencia da comarca de Bergantiños e a de Ordes, representa unha das saídas obrigada na programación da asociación. Un territorio en alarmante regresión dende fai anos que segue sen a protección lexislativa axeitada.
As Fragas de Catasós, en Lalín, establécense como un Monumento Natural dende o ano 2000. Son un dos bosques autóctonos mellor conservados, nos que teñen representación unha ampla variedade de especies autóctonas con predominio do carballo e o castiñeiro, contando con algúns dos exemplares máis altos de Europa. A saída ás fragas virá tras o achegamento de Senda Nova á Plataforma en Defensa de Catasós. O movemento veciñal considerámolo exemplar e constituíu unha das máis fortes defensas organizadas dos últimos anos a prol de espazos naturais, desta volta para defender as fragas do proxecto de liña de alta tensión. Agradecer a disposición e colaboración dos integrantes da Plataforma en Defensa de Catasós con Senda Nova.
A saída interpretativa ao Espazo Natural de Baldaio e o obradoiro de pegadas amplían a actividade, neste caso cun público escolar específico e ben diferente: O ciclo superior de saúde ambiental do CIFP Ánxel Casal e os escolares de 6º infantil do CEIP Bergantiños.
A tradicional plantación de especies autóctonas celebrarase tamén este ano en familia na anual cita co DÍA DA ÁRBORE. Coma sempre a participación será libre nunha actividade festiva e de convivencia que xunta, como todos os anos, a unha boa presa de rapazada. Lembra de traer o cubo e unha pá ao Espazo da Natureza de Oza.
E dende o mesmo Espazo da Natureza seguimos cos Xoves de Filme. Tres novas propostas con temáticas específicas cara os nosos bosques. “ Líneas discontínuas”, “ Memorias del urogallo cantábrico” e “ Wilmed: el último bosque mediterráneo” serán as proxeccións que se celebrarán nas vindeiras semanas dentro dos Días dos Bosques 18. Agradecemos a colaboración do CEIDA.
Apuntamentos:
A participación nos Xoves de Filme será libre e de balde ( xoves ás 19 h. no Espazo da Natureza), así como no DÍA DA ÁRBORE ( día 18 ás 11 no Espazo da Natureza).
Nas rutas interpretativas é necesaria inscrición ata dous días antes de cada actividade.
As inscripcións poderán realizarse no mesmo Espazo da Natureza de Oza os xoves e os venres de 17 a 20h.
Prezos ( inclúe viaxe e avituallamento)
Camiños de Aldemunde: distancia aproximada 7 qm.
Non soci@s: 6€ , menores 3€ / Soci@s: 3€, menores 1€.
Ruta fragas de Catasós: Distancia aproximada 12 qm.
Non soci@s: 20€, menores 10€ / Soci@s: 12€, menores 6€.
Máis información asociacion@sendanova.org 611037617