O número 2 ou a terceira edición da revista ABRINDO CAMIÑO ve por fin a luz dende o Espazo da natureza de Oza.
A nova edición presentouse nos exteriores do Espazo da Natureza de Oza o pasado sábado día 6 de marzo diante de colaboradorxs e socixs da entidade, así como de persoas convidadas.
A revista, de 46 páxinas, ten como tema principal os novos proxectos de enerxía eólica que, na nosa zona, atacarán con especial virulencia en relación co número de parques proxectados, de viraventos, de altura dos eólicos, e de número dos mesmos. A edición aumenta en páxinas e tamén en número de seccións, engadindo unha sección denuncia e outra área chamada SENDA SOLIDARIA, para amosar o activismo de persoas da zona en relación coa área social.
Mantéñense as seccións de : opinión, acción mocidade, en movemento, dende lonxe, parroquia a parroquia, bioespazo e patrimonio inmaterial.
Todo isto para poder achegarnos máis ao noso patrimonio ambiental, cultural e paisaxístico e para poñer o foco en proxectos interesantes xurdidos nas nosas comarcas, que teñen como base o respecto polos valores do territorio.
A publicación sae tamén coas mesmas premisas en canto á financiación, na que participa activamente o pequeno comercio da bisbarra, confluíndo cos obxectivos da entidade e a propia revista.
Agradecidos e contentos quedamos coa cálida acollida doutra nova edición. Tamén cos establecementos privados que seguen a poñer esforzo a pesares das circunstancias. Por suposto, con todas as persoas e entidades que contribúen cos seus escritos a esta humilde publicación.
A distribución dos exemplares será tamén a través do pequeno comercio. Dende os establecementos habituais poderédesvos facer co voso exemplar ao prezo de 2€ e contribuír deste xeito ao mantemento do proxecto.
Moi pronto iremos actualizando os lugares de recollida.
Para máis información ou colaboracións coa difusión, podédesvos poñer en contacto con nos polas canles habituais.
Aquí tes máis información sobre a publicación.