Entre vento e saraiba para aprender do medio

Entre vento e saraiba para aprender do medio

8 PR Ruta das Mámoas

8 PR Ruta das Mámoas

Moi poucos son capaces de abandonar, de esconderse nas sabas domingueiras cando o reloxio chega ás 8h e é hora de calzar as botas de monte. Tampouco a rapazada, protagonista por número e animosidade en cantas andainas proceden desta 8º PRIMAVERA EN RUTA, na que volveu ter excelente representación o alunado de 5º do colexio larachés. Tampouco o vento, a brava e abondosa choiva, a previsión climatolóxica ou a saraiba fixeron dano á participación na Ruta das Mámoas. E foi entón, cando o esforzo por coñecer, se aumentou en pechar filas por rematar a andaina debaixo do frío e as pedras de xeo, que acompañaron o cuarto percorrido deste programa de rutas. Unha das andainas que nos fai crecer a nivel individual e de grupo, na axuda, a superación continua e a adaptación ao medio.

O suma e segue na procura de paradas que provoquen aos camiñantes, levou desta volta aos mesmos a Cabana de Bergantiños, nun percorrido deseñado con mimo por Evaristo Domínguez Rial.

Un deseño que o historiador de Zas quixo envolver ao redor do patrimonio megalítico da zona, en situación dende fai anos, de alarmante regresión a través de diferentes frontes. As  case que 40 persoas puidérono comprobar nalgún dos vestixios que centraron a primeira parte do percorrido.

Entre choiva e raiola de sol visitamos o Castro de Anido, o Pazo de Casanova e a igrexa parroquial de Nantón, sempre presidindo a fértil agra da parroquia cabanesa. Deixámola para navegar polo camiño que nos levaba aos muíños do Avelán, xa na veciña parroquia de Riobó. Alí, en modo aventura, sacamos o frío, unidos e ateigando a superficie de tres muíños restaurados que serviron de acougo e de restaurante no que o bocata foi o menú principal e o café quente traído no coche de apoio, a gasolina suficiente para afrontar a parte de ruta que correspondeu co serán.

O castro de Folgoso e a capela de S Brais, puxeron punto de partida a un tramo espectacular presidido polo pozo D´Horca e que chega á capital da parroquia por fermosos camiños e estreitos sendeiros de herba mollada e, no día da andaina, sen tregua climatolóxica ata a chegada á igrexa.

Coma en moitas ocasións o lugar da igrexa desprende olor a senlleiro, a rural,  a esencia e a auga pura da fonte da carón. Pero o retablo da igrexa é ademais unha obra mestra espectacular que paraliza por minutos aos profanos nas súas visita. É  sitio para a foto de grupo e o punto de partida para un tramo final levadeiro que remata en Baneira despois de pasar a carón dunha das máis importantes torres defensivas medievais da zona: a Torre da Penela, orixe dunha das máis importantes linaxes da zona.

 

8ºPRIMAVERA EN RUTA Ruta Das Mámoas

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank