Feridas da vergoña

Pegadas do volframio Outono en Marcha

A  semana pasada foi un percorrido contínuo polo Monte Neme, ese espazo tan degradado como querido. Adorado polas tribus máis ancestrais e roubado de minerais polas sociedades máis actuais.

No roteiro de sendeirismo polas PEGADAS DO VOLFRAMIO os novos no percorrido sorpréndense ao  ver Monte Neme  despoxado ata dos elementos físicos testemuña do seu maltrato. A historia arqueolóxica do volframio de mediados de S XX ten que revelarse a través dos historiadores locais máis apaixonados como Xan Fraga e á memoria dos maiores, que teceron raíces na alma en décadas de traballos na mina.

Pouco queda visible máis que a reconstrución imaxinaria a través dos relatos de mineiras, mineiros e a investigación pausada. Aínda así, cómpre espremer fortemente as casas das minas, un símbolo que nos fai sinxelo establecer unha conexión cos anos da posguerra e a febre do volframio, cando alí mesmo se pagaba a mineiros, se gardaba ferramenta ou se utilizaba como corte para as mulas, tan imprescindibles na explotación.

Que queden os buratos da mina sen tapar na pel curtida e avariada de Monte Neme e que se poida divisar entradas dalgunha das súas sete galería quere dicir que o mínimo esforzo de restauración non foi rentable nin sequera dende un mínimo punto de vista emocional, aséptico ou mesmo de seguridade.

Monte Neme, lugar de agarimo nas culturas antigas. Lugar de cultos pagáns, de aquelarres ancestrais, de vistas espectaculares. De adoración, quen sabe, ao vento… Pero ese agarimo rematou cando se destruíu a antiga Eira das Meigas, reconstruída despois  de xeito artificial. Despois da demolición da antiga capela de Santa Cristina, que conserva a imaxe na coidada igrexa de San Breixo de Oza. Non houbo volta atrás nun espazo que agasallou con todo e recibíu desprezo e lixo.

Máis tarde viñeron as canteiras e fuxiron sen nome e con vergoña e desfeita. E a merda das balsas, o símbolo da máis cruel ferida ao monte, a patada máis grande e recente, tornase en moda selfiqueira de domingo tonto, para atraer conductas máis propias desta sociedade que dunha época onde as persoas non eran atontadas por unha pantaia.

A Eira das Meigas é soamente o paso para a foto tonta. Unha ponte (que non obstáculo) para 1 minuto de balsa que tapa a cultura e a paisaxe do monte. É sen dúbida a mellor testemuña dunhas actuacións que avergoñaron durante décadas.

ACTIVIDADES

Queda pois espremer a memoria e voar a imaxinación. E conseguímolo grazas a unha intensa semana de actividades que comezaban o mércores pasado co programa de radio dende RTV CERCEDA, Da Lareira á Lameira. Un repaso ao que camiñariamos de domingo. Case media hora de programa falando dos enumerables puntos de interese do monte.

O XOVES DE FILME  levounos á BRORRALHA e o venres, nas Conversas do Luscofusco, o historiador Xan Fraga enumerou o volframio no Monte Neme despois dun contexto histórico que nos fai descifrar todos os encantos dunha parte importantísima da historia da bisbarra.

Os nenos e nenas da Escola Ambiental de Senda Nova- Concello de Carballo, estiveron presentes no encontro interxeracional con mineiras de Monte Neme, facendo de periodistas nunha xornada  sensacional de transmisión oral.

O domingo, na ruta polas PEGADAS DO VOLFRAMIO, enmarcada no 7º OUTONO EN MARCHA,  puxemos o colofón final a esta semana intensa que pretendeu remexer na memoria local e rescatar da historia apagada, unha gran parte do noso pasado.

A unión de entidades na PLATAFORMA EN DEFENSA DE MONTENEME permitiu a aportación de todos estes esforzos e a xuntanza dos mesmos nunhas xornadas que suman moitas máis iniciativas como programas de radio, os encontros con mineiras e mineiros do xoves ou o manifesto que, o pasado domingo quixemos ler no punto máis alto do noso protagonista.

Agradecer a presencia de todos e todas nesta intensa semana na que participaron máis dun cento de persoas na procura da memoria e na reivindicación do espazo. Agradecer sobre todo a todos e todas os que vos pedimos colaboración e tamén ás integrantes da Plataforma Salvemos Catasós por vir dende tan lonxe a participar e apoiar a causa.

 

7 OUTONO EN MARCHA PEGADAS DO VOLFRAMIO

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank