As parroquias de Monzo, Restande, Benza e Xavestre voltaron acoller a andaina pola FORZA DO RÍO CHONIA . Desta volta un grupo de xente local complementaba a labor de coñecemento do entorno, para conseguir o obxectivo continuado destes programas de andainas.
Como sempre, o Pazo de Vilacova atopouse aberto para nos. A labor fundamental de Xabi, para a interpretación da construción civil seguiu este ano unha vez máis. Trátase dun edificio impoñente, enmarcado nun entorno realmente espectacular. Nun contexto de aldea de caseiros e cos elementos máis salientables deste tipo de construcións como son pombal, hórreo grande e incluso ciprés.
O camiño levounos pola antiga senda ata a Capela do Carme da Ermida onde demos boa conta do avituallamento mentres pensabamos nos seguintes tramos a percorrer entre carballos, bidueiros e muros de pedra que delimitaban un antigo e importante camiño. De novo atopámonos coa desfeita. Non atopamos palabras para poder entender este tipo de actuacións. Sen dúbida o máis importante tramo de camiño atópase desfeito. As concentracións parcelarias da parroquia de Benza non tiveron compaixón coas sendas, coas antigas corredoiras, cos antigos muros de pedra e coa parte histórica que acollía as especies autóctonas que enmarcaban o traxecto. Queda por ver o impacto de todos estes quilómetros de novas pistas no resto da parroquia, pero sen dúbida, a agresión no tramo da nosa senda foi brutal. Incomprensible.
Así chegamos a Lestrove para ver o castro e divisando ao lonxe as desfeitas das pistas. Antigamente a situación dos camiños e das aldeas impedía desaproveitar as agras máis fértiles. Hoxe énchense de entullo das pistas para conformar unha estrutura urbana de liñas rectas para acabar co pouco que lle queda ao noso rural. Un avance á desfeita.
O tramo final, encaixado no val do Chonia segue igual. Protexido das máquinas polo relleiro do terreo, atópase separado da pouca conciencia. Tamén para deixar caer muíños e batáns.
Portomeiro, no veciño Val do Dubra, acolleu a expedición para poñer punto e final a unha nova andaina de aprendizaxe, de reflexión e indignación.