Grazas Carmen, grazas compañeira

Grazas Carmen, grazas compañeira

 

Sopra o vento con forza e tremen as palabras. Coma quen tatexa, abanean as letras empapadas  no temporal.

Soltas. Desconectadas. Idas. Sen saber que contarnos. Vólvense fume da calor da lareira, do lume das Historias de Inverno.

Escapan e quedamos soas.

Porque marchaches.  E marchaches como viviches, sen facer ruído. Apagando as túas bromas, o teu sorriso incansable. Deixando unha fondeira grande no medio dunha corredoira da vida moito máis curta do agardado.

Parándonos o reloxo na hora da fonda tristura. Acendéndonos os recordos co teu exemplo de compromiso, de esforzo, visión de grupo, solidariedade e, sobre todo, do constante bo humor.

Quedou unha perda irreparable que asumiremos coa forza que nos deron as túas conductas.

O que aprendemos contigo non foi de balde, o teu exemplo tampouco. O grao de area que puxeches na mellora do noso patrimonio foi ben grande en tan pouca vida.

A familia de Senda Nova, da que fuches un dos piares, esténdese hoxe a todos cantos trataron contigo en tantas actividades que participaches. Para darche unha aperta ben forte.

Agardamos estar á altura.
Seguimos en contacto entón.

Moitas grazas Carmen. Moitas grazas compañeira.