Sábado, 29 de outubro de 2016 ás 10.00 na Capela de Santa Eufemia de Rus. Degustación de setas ao rematar a andaina. Organizan A.A. Senda Nova e A.D. Media Ducia.
A parroquia carballesa de Rus é a máis extensa do concello e unha das maiores de Bergantiños. Á mesma divídea, como nun perfecto corte, a faia que moldea a depresión meridiana. Este accidente xeográfico é un dos máis significantes do territorio galego e percorre o territorio galego de norte a sur, dende Razo ata Tui. Precisamente dende esta propia parroquia é moi sinxela a súa interpretación, mesmo dende a estrada que cruza o seu territorio pola beira oeste. A mesma que une a capital de Bergantiños con Portomouro.
Pero a antiga vía de comunicación non transitaba por esta zona (a máis baixa da parroquia). Antigamemente, as persoas e os animais camiñaban por outro tipo de vías que ían unindo as aldeas. Por outra banda, os núcleos importantes de poboación estaban (están) no que se dou chamar o “tercio”, ese espazo entre o monte e as agras máis fértiles (entre a alta e a baixa), aproveitándose do bosque para leña e deixando as zonas máis fértiles sen construcións, aproveitando os recursos agrícolas.
Deste xeito xa podemos trazar unha liña paralela á estrada principal, á nomeada “recta de Rus”. Unha liña fácil que nos marcan as propias igrexas de Ardaña, Rus e Entrecruces, nun claro itinerario que uniría as aldeas de Quintáns (quinta parte dun territorio), Nogareda (fitónimo), Outeiro (lugar alto), A Redonda, etc.
Aínda hoxe, no deseño dende Senda Nova das Sendas do Apóstolo ( itinerario fora do asfalto que une a capital de Galicia coa de Bergantiños), pasamos por tramos ben conservados destas vías de comunicación ( camiños reales tamén chamados, aqueles que eran do rei e polos cales non se pagaba peaxe.
A alta de Rus tamén merece atención especial. Un lugar afastado, historicamente con fortes lazos coa veciña Tordoia e no que algúns dos seus territorios son sacados da mesma comarca polo xeógrafo Salvador Parga Pondal. Na diferenza inclúese un tipo de clima máis venteado, unha altura media superior aos 300 m e unha economía máis gandeira, moito máis parecido á meseta de Ordes.
Este tipo de diferenzas ( entre a baixa e a alta) mantéñense tamén en Entrecruces, onde a división xeográfica chega a separar aos veciños mesmona organización das festas parroquiais, ou mesmo en Rus, coa creación dun novo cemiterio e capela, en Alborín.
O patrimonio de Rus tamén é moi rico, destacando na súa publicidade a fermosa Igrexa de Sta. María. O templo parroquial é un dos máis importantes de Bergantiños. Na súa creación participaron mestres composteláns. A obra data do S XVIII e é na súa maioría barroca, destacando os grandes volumes a grandes alturas así como a marcada ornamentación na fachada, retablos, etc parece ser que a súa construción tardou máis de 100 anos en rematarse.
Outros dos vestixios importantes son o Pazo de Louride, o de Casaldeperros, o castro da Nogareda, da Peniqueira… e como non, a nivel paisaxístico: a férveda de Rus, formada por mor da dureza das rochas e a faia que forma a depresión Meridiana.
Na parroquia de Rus tamén se atopan as maiores alturas do concello, a chamada Villariza.
Un territorio por descubrir.