Limpeza na Eira das Meigas

Limpeza na Eira das Meigas

 

No percorrido de antonte polas Pegadas do Volframio, volvemos escoller a Eira das Meigas como lugar central da ruta, o avituallamento no vértice superior do traxecto.

Case 40 persoas chegabamos atraídas pola reconstrución do antigo cromlech, que pasou a ocupar o lugar do orixinal na multitude de lendas e do imaxinario popular nun monte mítico. Achegabámonos  coas mochilas e botas enlamadas dende ben lonxe, na procura das historias do círculo lítico e do espazo para o bocadillo  alí, a carón das meigas.

De xeito pouco agardado polo afastado do lugar, de cando en vez algunha parella,  vestida de domingo raiante, cruzaban a Eira das Meigas coma quen cruza o último obstáculo para lograr un bo obxectivo. Un obxectivo común a todas elas, Un obxectivo que ben tería que merecer desprazarse ata o alto do monte con último tramo de camiñada nunha area ben manchadiza para unha indumentaria impoluta e un calzado do black Friday, acabado de estrear.

Algúns, algo perdidos nos horizontes, preguntaban:  “ Unas balsas de agua azul turquesa ?”.

E facíano dende mesmo escenario do cromlech reconstruído.

As balsas que seguen a ser o mal exemplo dos restos mineiros.
E a historia, invisible.
E a Eira esquecida e relegada a criar salgueiros. Como teloneira unha balsa de auga chirla que chega a ser  protagonista do concerto de selfies fisbuqueiros de domingo plof.

A ver se conseguinos vestir a Eira das Meigas coa roupa interpretativa e devolvela ao lugar que lle corresponde. E comezar a reconquista comezando pola memoria.

E quizá, ao mellor, ata conseguimos que deixe de ser un mero obstáculo de camiño cara as balsas. Ou destino de cartelería variada que esquece a súa presencia.

Ao día seguinte, que menos que comezar por limpala.