Preto de un cento de persoas son as que se achegaron dun xeito tanto físico como emocional aos humidais máis achegados, os da nosa comarca, nestes Días de Achegamento aos Humidais de Bergantiños que vimos a celebrar dende os primeiros días do mes de febreiro, coincidindo co Día Internacional dos Humidais o día 2 deste mesmo mes.
A primeira actividade tivo lugar o pasado domingo día 3 de febreiro, durante a cal case medio cento de persoas nos achegamos ao espazo natural de Baldaio durante a mañá, para coñecer dun xeito xeral o estado no que se atopa este fermoso lugar, as problemáticas que presenta, os altos valores ecolóxicos e culturais que nel atopamos, e ademais serviunos para facer tamén un pequeno achegamento ao naturalismo e a observación de aves, grazas as compañeiras do GN Hábitat que nos acompañaron durante a xornada.
Pola tarde trasladámonos á Lagoa de Alcaián, logo de parar en Casa Sánchez a comer un bo cocido que nos fixo recuperar forzas e entrar en calor despois da fría, aínda que soleada mañá. Xa de tarde, no humidal coristanqués, fixemos un pequeno percorrido polo territorio que ocupaba antes o humidal, hoxe en día case desaparecido, agás 2 pozos que teñen auga permanentemente e que fomos visitar na compañía de veciñas da zona que se uniron á actividade para contarnos lendas e lembranzas sobre este espazo, e sobre todo para falarnos dunha nova ameaza que ten o lugar, o cal se ve afectado por un proxecto eólico devastador, e sobre o que nos falaron estas veciñas integrantes tamén da Plataforma Non Máis Eólicos que se está a mobilizar en contra deste proxecto.
Esta pasada fin de semana continuaron as actividades, desta volta no Esteiro do Anllóns, e na Lagoa de Traba de Laxe, visitando o humidal pontecesán en xornada de mañá.
A pesar das previsións meteorolóxicas desfavorables , tivemos unha boa mañá, na que o sol ameazou con saír nalgunha ocasión, e na que puidemos gozar da tranquilidade e fermosura deste espazo. Tivemos a sorte ademais, de poder contar, de novo, con Xosé Luís Rabuñal Patiño, un dos mellores ornitólogos de España, que coñece o Esteiro do Anllóns como a palma da súa man, e no cal leva vividos milleiros de instantes e vivencias únicas. Falounos de toda a labor incansable que leva a facer dende vai 40 anos, das miles de visitas que leva feitas, semana tras semana, a este lugar, dos avistamentos e citas únicas que alí puido vivir, e sobre todo da conexión emocional que sinte con este espazo, que para el forma parte del mesmo. Aproveitamos tamén para sacar os equipos ópticos e chegar a observar algunha aves, como parrulos, mazaricos, gabitas, garcetas, cormoráns… E gozar do comportamento dos mesmos, e das magníficas explicacións de Xosé Luís.
Despois de recuperar forzas na Pesqueira de Ponteceso, saímos cara Traba de Laxe, aquí o tempo volveuse na nosa contra, e comezou a chover de xeito incesante acompañado de bastante vento, o que dificultou a actividade, pero non conseguiu suspendela. Visitamos pois o humidal de Traba, achegándonos a pé até o observatorio de aves, dende o cal, a pesares de non ter telescopios, conseguimos ver diferentes tipos de parrulos, unha galiñola, algunha limícola… o que resultou ben pracenteiro para todas as que alí estabamos, despois da inclemencias que nos fixo pasar o tempo.
Achegámonos tamén a historia e lendas da lagoa, así como as súas problemáticas, as cales unha vez máis, igual que nos espazos que visitamos anteriormente, nos fixeron chegar as mesmas conclusións, a excesiva presión humana nos espazos naturais, e as malas prácticas nos mesmos.
Observamos por exemplo como Baldaio é un espazo degradado dende fai anos, dende que as persoas comezamos a meter man nel, comezando polas labores extractivas de area que tiveron lugar dende os anos 50 até os anos 70 co Boom da construción, creando unhas enormes feridas aínda presentes a día de hoxe no humidal, até as malas prácticas que se seguen a realizar a día de hoxe coa mala xestión do espazo, relacionadas coa excesiva presión humana, véndose agravada nos meses estivais ou con climatoloxía favorable, e aumentada pola acción das mascotas, sobre todo dos cans, soltos polo espazo, afectando negativamente á ecoloxía dos ecosistemas.
Algo similar vimos en Alcaián, un espazo aínda máis degradado que Baldaio, un espazo que se atopa actualmente completamente abandonado, cheo de verquedoiros ilegais, pistas e intentos , por sorte, desafortunados de plantacións de pinos e outras árbores. Alcaián viuse afectado por labores mineiras, durante as cales se realizaron dúas enormes gabias para drenar a lagoa, quedando reducido a un par de pozos que seguen a manter a auga todo o ano, pero perdendo a maioría de superficie inundada. A pesares disto segue a ser un lugar tremendamente importante, no cal podemos atopar varias especies vexetais endémicas, como a Centaurea Ultreiae, ou o fento Lycopodiella inundata , que se atopa en perigo de extinción, e que a súa poboación xa se viu afectada no ano 2016 por unhas pistas que abriu a xunta por este espazo, danando varios exemplares desta especie. Vimos como ademais é un lugar cheo de lendas, cheo de historia, e que segue a abranguer moita diversidade de fauna e flora interesante. E que se ve baixo ameazas constantes, apertura de pistas, verquidos ilegais, abandono total e absoluto, e agora véndose afectado tamén polo proxecto eólico do que falabamos anteriormente.
No Esteiro do Anllóns atopámonos cunha situación non moi diferente ao resto de espazos, un lugar cunha alta presión humana en certas zonas e certas épocas, sendo este un dos lugares máis privilexiados a nivel ornitolóxico, non só pola ampla variedade e diversidade de especies que escollen este esteiro como lugar de paso, descanso etc, Se non por que temos a gran sorte de que é un dos lugares escollidos pola Píllara das Dunas para criar, e o cal se ve sometido a unha alta presión de mascotas soltas, e malas prácticas por parte dos visitantes ao espazo, similar a Baldaio.
Por último, en Traba, non nos atopamos unha situación moito mellor a nivel ecolóxico para o humidal, a pesares de que é unha zona menos presionada a nivel turístico, pero vese igualmente afectada por malas prácticas e a man das persoas de novo. Este humidal presenta un problema ecolóxico importante, e é que se está a colmatar ano tras ano, isto é grave por que ten que ver coa acción humana unha vez máis, e non por un proceso natural, esta colmatación ven dada entre outras cousas, pola concentración parcelaria que se fixo no lugar, a cal entre outros prexuízos medioambientais, interveu no cauce dos ríos. O que fai que ano tras ano o humidal reduza considerablemente o seu nivel de auga e a súa extensión. De novo nos atopamos en Traba cun problema común a cada vez máis lugares, os eólicos, neste caso non afectan directamente ao humidal, máis si ao val enteiro, exercendo un gran impacto visual, molestias e sobre todo un gran impacto para as aves, xustamente nun lugar tan importante a nivel ornitolóxico como é Traba.
Con todo isto, dende Senda Nova, entendemos que todos estes espazos de alto nivel e importancia ecolóxica, social e cultural, merecen un respecto, unha posta en valor, e sobre todo un plan de xestión axeitado no que se teñan sempre como premisas fundamentais a conservación do lugar e a ecoloxía, e non tanto o ocio e esparexemento. Creemos que isto é de vital importancia e urxencia para que estes espazos non sigan a degradarse coa rapidez coa que o están a facer, e que se comece por cumprir as ordenanzas municipais e normativas que afectan a cada un dos espazos, e que limitan e prohiben certas actividades e accións que se están a realizar a diario nestes lugares.
Sen máis agradecer a todas as persoas que participaron nestas xornadas o seu compromiso, e sobre todo ás persoas e entidades que colaboraron nestes Días de Achegamento aos Humidais e que os fixeron posibles.
Seguiremos na loita , todas xuntas, até consigamos que o noso patrimonio teña o respecto que se merece.