“Mares sen plástico, mares con vida” é cousa de todas e todos.

“Mares sen plástico, mares con vida” é cousa de todas e todos.

Limpeza simultánea de praias 2017

Fai pouco máis dun mes, a mañá dun cálido domingo de outubro, un grupo de voluntarias e voluntarios reuniámonos no Parque do Anllóns de Carballo para colaborar coa asociación ecoloxista ADEGA na limpeza simultánea de ríos. Hoxe, outra ducia de persoas dispostas a poñer do seu tempo reunímonos para volver a colaborar con ADEGA e co Campus do Mar de Vigo, para a conservación das nosas praias baixo o lema “Mares sen plástico, mares con vida”.

Hoxe tocaba mollarse polas nosas praias, e máis en concreto pola de Baldaio, espazo adherido á Rede Natura 2000 e de gran valor ecolóxico e paisaxístico. Un espazo o cal debemos de manter e conservar entre todos, por iso é de vital importancia realizar actividades deste xeito en espazos desta índole, pois o que se pretende acadar con elas é a percepción dun gran problema existente do cal non é moi consciente a cidadanía. Actividades como estas limpezas, cun grande carácter simbólico, e na que tamén se contribúe de xeito substancial á recollida de lixo, pretenden mostrar e dar a coñecer a problemática ambiental do lixo mariño, a súa procedencia e os impactos que causan e afectan a todos os mares e océanos do planeta.

Foi unha mañá moi produtiva na que recollemos cerca de 150 kg de lixo, nos que o que máis destacaban eras as cordas e os bastonciños dos oídos, precedidos por tapóns, redes e diversos plásticos de moita índole, entre eles a materia prima para realizar eses obxectos que hoxe recollemos. A praia estaba infestada de boliñas de plástico, que despois de fundidas empréganse para facer calquera obxecto deste material tan nefasto para os nosos ecosistemas.

Hoxe marchamos contentos para a casa, non por facer que as nosas praias estean un chisco máis limpas ,que tamén, senón porque conseguimos que se cumprira con creces o obxectivo da actividade. Os participantes marcharon para a casa realmente concienciados, pois descoñecían que determinados obxectos (como os bastonciños) puidesen chegar ao mar e, pon ende, as nosas praias a través dos baños das casas de cada un; e que, con xestos e medidas tan pequenas que cada un de nós pode desenvolver, como o de tirar os bastonciños no lixo, se contribúe pouco a pouco a ter un mundo máis limpo e uns mares sen plástico e con máis vida. Sen esquecerse nunca de que manter os nosos espazos limpos é cousa de todas e todos.

Limpeza Simultánea De Praias 2017

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank