Río abaixo de Carballo, o Anllóns incrústase nun tramo de profundo val. Un escenario de excelente sonoridade que exporta a música hídrica do río de Bergantiños: é o Son do Anllóns.
Esa melodía acompáñanos dende que xs camiñantxs se van achegando paseniño a uns camiños de troiteiros que debuxan un trazado marcado pola vexetación de ribeira e polos caprichos de pequenos afluentes. Descubrimos unha nova paisaxe en cada retorta dunha senda envolta nun ramo impoñente de diferentes especies autóctonas.
Os diferentes grupos de participantxs puideron descifrar unha ampla diversidade de especies vexetais. Unha ensalada na que participan grandes árbores como o carballo, o ameneiro, o castiñeiro ou bidueiro. Especies de porte menor como salgueiros, abeleiras, freixos, loureiros bieiteiros ou acivros. E tamén arbustos que conviven hoxe baixo as follas recentes dunha primavera que xa leva un mes percorrido. Por exemplo as silvardas ou unha variedade importante de fentos.
A aula de ecoloxía ao aire libre que representa o percorrido polo Son do Anllóns é ademais un escenario de paz e tranquilidade. De música relaxante que cambia de ritmo cando o río se encaixa nas profundidades do val, cando se acelera cara os muíños de verdes ou cando, canso, se vai achegando á capela de Sta Mariña de Corcoesto.
Unha clase en forma de ruta onde poñen medo as extensas plantacións de eucalipto. Recentes actuacións que ameazan incluso espazos como este, incluído na Rede Natura. Proxectos de grandes extensións que ameazan o río e a súa zona de influencia e que completan hectáreas de chan fértil no corazón mesmo de Bergantiños.
Unha andaina destas características nun día solleiro como o pasado domingo, onde as raiolas de sol viñan filtradas polas follas dos abeneiros, non lle podería faltar un marco cultural e etnográfico. Entre churrascadas domingueiras e botellóns, podemos filtrar en Verdes a importancia do seu patrimonio etnográfico. Unha boa xeira de muíños que, quitándolle a palla duns usos ociosos de dubidosa utilización responsable, poderían converterse con non moita intervención, en usos para o coñecemento e a interpretación. Non sería difícil pensar en que este corazón da comarca máis fértil de Galicia puidera ser o lugar idóneo para descifrar a cultura agrícola da comarca. Sinxelo parece pensar que algúns dos seus muíños puideran revivir como tales nun hipotético entorno interpretativo inmellorable dende o punto de vista paisaxístico, ecolóxico e cultural. Máis se cabe cando, a pesar de ter espallados miles de construcións vitais na cultura labrega, non temos un só muíño funcionando dedicado ao aprendizaxe e coñecemento.
Sísamo, e Corcoesto foron principio e fin deste percorrido polo corazón de Bergantiños. Lugares que ensinaron patrimonio megalítico, castrexo e relixioso. Todo un marco para levar na mochila doses amplas de sensibilidade e coñecemento.