O Monte Neme foi desta volta O encargado de despedir un 9º OUTONO EN MARCHA que pensa na edición número 10 despois de 56 andainas de outono e de 170 actividades deste tipo.
Monte Neme foi hoxe vixía na escuridade da néboa que curta o paso a unha realidade paisaxística de envexa no corazón de Bergantiños. Esa mesma néboa que forxa a personalidade propia dun país en humidade.
Quizá a mesma néboa da incógnita, da pregunta, da intriga que cada meiga da Eira das Meigas expoñía nos aquelarres. A mesma da indecisión sobre cada unha das lendas a carón dun dos montes máis míticos da nosa bisbarra.
A incógnita do Monte Neme segue marcada nun futuro incerto e un pasado de desfeita a causa das canteiras e dunhas balsas que, despois de seis anos de que se botaran por fora, seguen ameazando as parroquias de Cambre e Razo. A actuación neste tempo limitouse a poñelas nunha moda instagramer, que utilizou de tontos útiles a cantos pasan porriba da Eira para un selfie que ten mérito só dende fai poucos anos.
Por se fora pouco o Monte Neme, saturado de plantacións novas de eucaliptos, sofre a marxinación de quen o quere por unha conveniencia barata e curtoplacista. Lonxe quedan os antigos cultos nos que se veneraba a paisaxe, o aire e a auga, elementos básicos que se esconden moi lonxe dos playeros de pijo e os selfies horteras.
É por iso que erguerse de mañá para contemplar o esforzo dxs sufridxs camiñantes a través dunha xornada de choiva é, sen máis, unha reconfortante recompensa. Máis aínda cando as paradas para o coñecemento e a mellora como persoas se unen a un patrimonio castrexo marcado polos castros de Nión, Serantes e o Rodo, que aguantan, non sei como, as continuas e ilegais plantacións de eucaliptos nalgún dos seus perímetros.
O patrimonio enriquece esta andaina polas PEGADAS DO VOLFRAMIO, non só nos propios restos da minería en forma de casas das minas, antigas bocaminas ou perigosas chemineas que afloran á superficie en perigosos buratos. O itinerario que, desta volta non puido entrar no veciño concello de Malpica de Bergantiños, engrandécese co patrimonio relixioso da igrexa de Oza e propio peto de ánimas, moi preto do lugar das Torres, onde existiron antigas fortalezas defensivas. E tamén da memoria do volframio e de mil lendas arredor do círculo lítico da Eira das Meigas. A carón de onde a capela de Sta Cristina atopou tantos anos acubillo preto da fonte do mesmo nome.
O punto e final deste 9º Outono en Marcha deixa un bo sabor de boca entre tanta restrición pandémica. O bo sabor de boca do esforzo ante as adversidades organizativas e unhas dificultades meteorolóxicas que non conseguiron dobregar as rutas para o coñecemento que representa este Outono en Marcha. Agradecidxs quedamos pois cos concellos de Carballo, A Laracha e Coristanco así como con Protección Civil de Carballo e todxs cantos voluntarios da asociación puxeron tempo para outra edición máis deste proxecto.