Un día perfecto podería ser aquel no que, aprendendo, gozaramos. Un día de crecemento en toda regra.
O 9º Outono en marcha arrincou, colleu altura e presentouse en Montemaior para iniciarse a carón da capela de Sta Margarida deslizándose polos camiños do coñecemento hasta chegar ao igrexario de Sta María Magdalena, patroa (non sei porque non matrona) da parroquia larachesa.
Entre estes puntos estratéxicos de Montemaior serpentea un trazado auténtico, dirixido maxistralmente por corredoiras cheas de historia, de cheiro a humidade de outono, e de cada vez máis follas secas, auténticas protectoras de boletus e amanitas. As propias setas, a variedade arbórea e os pasos de fauna silvestre chaman aos camiñantes pola parada interpretativa paseniña e agarimosa. Esa que Evaristo ofrece nun intre da retorta e que se viu soamente interrompida aquí polo ruído dos disparos ao lonxe do primeiro día de caza, e tamén pola voz expresiva dalgún do grupo que afianza a nosa presenza a modo de advertencia.
Mais hai certos descansos no camiño que veñen establecidos de serie dende un deseño agarimoso do itinerario das SENDA DAS CAPELAS. Feito por quen o amor por estes lugares superou amplamente unha ampla dedicación, e que conseguiu unir tanto patrimonio cultural, natural e paisaxístico.
As capelas son só restos na memoria no Viso e no Xestal, mais asinan a estampa máis fermosa na nosa Señora de Cumiáns ou en San Roque da Pena. Estes dous enclaves, detidos no tempo e debuxados no silencio, son unha das almas do percorrido. Recunchos evocadores de esencias e fabricantes da memoria duns arredores con pasado castrexo no castro da Pena e con presente na habitada aldea de Brumiáns. O lugar é berce da simpatía a través da figura de María. A cesteira de Brumiáns alberga a destreza milagreira de quen trenza o mimbio de cada cesta, as frases de cada regueifa e décadas de vida disparando sorrisos. Tratouse de aprender a loitar con enerxía positiva cada un dos fortes obstáculos que tivo que afrontar en máis de oito décadas de vivencias.
É moi certo que é un agasallo poder contar con persoairas como María e coñecer de primeira man o mundo da cestería e a regueifa. E se van na andaina con nos e se preocupan de que cada igrexa estea aberta, se nos falan en cada punto interesante, e se nos ensinan dende dentro do orgullo o curtidoiro de Cumiáns… obxectivos e agradecemento vense potenciados.
Suso e a súa familia é o maior exemplo de hospitalidade e agarimo polo patrimonio máis achegado. Este último en forma dun antigo curtidoiro que funcionaba xa en 1852, e que alberga espazos materiais e ferramentas para a realización dunha visita que, nas verbas de Suso é totalmente interpretativa. O muíño en funcionamento é o son a un entorno aseado e coidado. A melodía de agarimo para a parada máis importante dun percorrido que case puidemos divisar por completo no tramo final da andaina, cando os camiñantes transitaban polas antigas e importantes vías de comunicación situadas nos máis altos montes da parroquia, alá onde os horizontes agasallan a vista coas costas de Ferrol.
A parada do carballo do Outeiro, proposto polo concello larachés para árbore senlleira foi a última antes da chegada a igrexa parroquial, punto final a unha andaina con tempo, participantes e persoeiros que cultivaron calma e recolleron coñecemento.
Agradecidos coma sempre e ademais de tantos e tantas, pola aportación ao Concello da Laracha e a labor de Protección Civil de Carballo.