Murchan as prímulas

Ríos de Sofán - 9ªPR

As prímulas xa comezan a murchar síntoma de que xuño xa comezou e a primavera alá se foi. Os participantes deste domingo dixéronlle ata o ano que vén á 9ªPrimavera en Ruta con Ríos de Sofán.

Máis de 350 participantes aprenderon e gozaron desta primavera que xa cumpría nove anos. Nove anos percorrendo o patrimonio máis achegado, as corredoiras máis fermosas e antigas de lugares ben afastados ou moi pretiño da túa casa, castros, igrexas, mámoas…paisaxes espectaculares á beira do mar ou mesmo no interior de grandes ou pequenos bosques, as historias da veciñanza de todo ese rural que nos acolle durante oito domingos seguidos e que nos acompaña en cada primavera nas case 200 paradas que realizamos para a reflexión e o coñecemento e nas que co paso destes nove anos fomos vendo a súa evolución. A súa fermosura cambiante, o son do paso dos anos por todos eses recunchos que temos e que debemos seguir gardando e mantendo. Moitas das veces son o vestixio para facer observación e diagnose dun rural e un medio natural que cada nova primavera vai a menos a pasos axigantados por mor de tan diversas actuación contra ese medio: como as excesivas plantacións de eucaliptos e deforestación de especies autóctonas, a vandalización que se fai de espazos coma os muíños ou simplemente co seu descoido e deixar que o tempo tire con eles… ou tantas outras agresións que están a facer que nós mesmos acabemos co noso propio tesouro.

Moitos quilómetros deixamos atrás, coma tanta xente que nos acompañou pola lama e foi deixando a súa pegada, porén en moitos casos pegadas que permanecen imborrables no tempo e que nos seguen acompañando en cada paso que seguimos dando entre todas e todos.

Unha primavera na que seguimos sumando esforzo de concellos: Concello de Carballo, Concello da Laracha, Concello de Coristanco,Concello de Zas e Concello de Malpica de Bergantiños; o de Protección Civil de Carballo, tanto nos apuntamentos como no acompañamento que nos fan os seus voluntarios e voluntarias nas saídas; e, sobre todo, a toda esa xente da entidade que dispón do seu tempo para que proxectos como estes sigan nas corredoiras e que se manteñan no camiño, xa que pronto cumpriremos o decenio e non sería sen todo o esforzo e gañas desta xente.

Programas que saen do sementar pouco a pouco e ir labrando o terreo con moito agarimo e esforzo, do compromiso de darlle vida a cada ruta, de percorrela unha vez ao ano e darlle vida a cada parada, a cada punto por coñecer e protexer. Van doce anos dende aquela, dende que se sementou o primeiro campo e no que non deixamos de seguir descubríndoas e conservándoas.

Agora toca ver crecer as árbores sembradas en campos de escombro, noutro tempo pólas de carballo traídas coa certeza de que van arraigar no terreo e se tornen en potentes árbores cheas de vida. Ano tras ano e semente a semente, conseguimos un fermoso paisaxe para gozar dun día solleiro baixo a súa sombra ou mesmo para agocharse en días de choiva xunto a súa copa e sentir a liberdade que nos posúe nese momento. Quen sabe se a primavera en ruta non é un carballiño deses? Quen sabe se nun futuro será unha gran árbore centenaria?

De xuro que eu teño a certeza de que xa o é.

 

Grazas a todas e todos que a regades en cada paso deste camiño para darlle vida a esta semente xa xermolada.

A corredoira non rematou, agora comeza un fermoso tramo no que nos envolve de cheo a natureza.

Vémonos no monte!

Ángela Cambón