No medio da brétema pola que pelexan as comarcas de Bergantiños e Xallas, tres grupos de camiñantes érguense ben cedo coa firme decisión de esixirlle a un domingo de choiva.
Os case 20 camiñantes chegan a capela do Campelo, territorio de Coristanco, ben seguros de afrontar a situación climatolóxica e facer dunha xornada de puro outono, un día de convivencia y aprendizaxe.
E Alcaián, dende o fondo da vila asolagada na Braña Rubia, entendeuno perfectamente. O agasallo en forma de raiolas de sol foi enerxía vital nun comezo de percorrido marcado por viais asolagados das choivas pasadas. Talmente parecía que a gran lagoa de Alcaián, presente hoxe só nos mapas, ía voltar recuperar o territorio ancestro que choran naturalistas de toda Galicia.
As corredoiras ofreceron outro aspecto nas aldeas de Rodeiro e Arixón, situadas estratexicamente para o aproveitamento de monte e agras. Arixón, co seu castro de costas vixía da poboación da aldea, é o exemplo claro de como foron evolucionando os asentamentos humanos ao longo da historia.
O camiño segue en descenso rápido e vémoslle obxectivo claro de querer parar nas agras máis fértiles de Bergantiños. Antes ponnos como exemplo os máis fermosos tramos de vía antigos. Eses que probablemente foron asentados no lugar, ou cerca, dalgún dos ramais da vía romana máis importante de Galicia, a chamada Per loca Marítima.
É cando o terreo se vai nivelando e a costa abaixo remata cando nos atopamos coa chaira bergantiñá. A fondeira famosa por farturenta ten hoxe capital en Cerqueirás. Nas zonas baixas da enorme parroquia de Seavia, a aldea coristanquesa preside unha ampla zona de cultivo e despídenos da parroquia máis grande de Coristanco da que non sairamos ata ese momento.
O camiño vai sendo máis ancho a medida que os grupos de camiñantes de acercan a Carballo. Para entrar no concello veciño hai que pasar primeiro Podrizo e a Miñata. Pero sen dúbida, a porta de honra para os participantes desta ruta do 9º Outono en Marcha é a que supera o río Rosende, límite natural entre os concellos de Carballo e Coristanco.
Ponte Lubián ten o encanto especial que lle da unha historia medieval e uns orixes romanos. Ten a fermosura duns arcos en harmonía e ten o marco máis amable na propia vexetación de ribeira, que fan sen dúbida un dos cadros máis bonitos da bisbarra.
O Camiño Real segue cara a orixe da vila de Carballo. Faino en liña recta cara o castro do mesmo nome, cerquiña das aldeas de Quintáns e Cernide e tamén da antiga igrexa e cemiterio carballés. Aquí nestas orixes ten precisamente o punto e final a andaina VÍA ALCAIANUS de preto de 20 km. Todos eles na procura das corredoiras máis antigas.