O pasado sábado día 14 de decembro, pechouse en Niveiro unha das edicións do Outono en Marcha con máis participación.
Máis de 200 participacións, principalmente dos concellos da Laracha, Carballo e Malpica de Bergantiños, repartidas en sete andainas polas comarcas de Bergantiños e tamén polo Concello de Val do Dubra.
Precisamente pola parroquia dubresa de Niveiro, transcurríu a última das andainas do programa. Un traballo de deseño de David Casais, que sacou o mellor dunha parroquia actualmente ameazada por un macroverquedoiro. Dende Senda Nova queremos unirnos a esa grandísima e frontal oposición a tal desfeita.
Esta andaina únese ao catálogo de percorridos de Senda Nova a través do material gráfico editado e estreouse por primeira vez este pasado día 14. Foron máis de 30 persoas as que participaron nesta andaina final, cun bo número de camiñantes autóctonos grazas aos cales fomos fiando e descifrando os tesouros da parroquia, a través de fermosos camiños e a carón dunha bonita estrutura de canles fluviais.
Niveiro deixou ver tamén un interesante patrimonio relixioso a través de vaias construcións. Aínda así, o que máis chamou a atención foron os treitos de fermosas corredoiras aos que se uniron, en cada recuncho, unha boa xeira de muíños de auga, algún deles funcionando ate ben pouco tempo.
Esta andaina representou ben a evolución do programa nesta 13 edición do Outono en Marcha. Un proxecto que se fai maior aumentando a participación, cunha constante de obxectivos fixos da difusión do patrimonio e o aprendizaxe do mesmo. O tempo climatolóxico acompañou na maioría das datas de andainas, o que fixo aumentar a participación nas mesmas.
ENCAIXE DE ESFORZOS
Sen dúbida, do que máis estamos orgullosos é do que supoñen os programas de roteiros en xeral e o Outono en Marcha en particular. Ese gran puzle de axudas que incentivamos na asociación, e que permiten que este ano se aumentaran as propostas e nos achegáramos aos 85 km percorridos e ás máis de 200 participacións. Máis de 100 paradas programadas para o aprendizaxe sobre o patrimonio. Aínda así, tiveron moita importancia aquelas paradas sen contar, nas que a natureza e o clima se aliñaran para ver pegadas de animais ou mesmo animais vivos que nos recibían nunha pequena charca ou fonte.
O aspecto social, algo moi importante nestas andainas, mantense coma sempre, como un atractivo máis na procura da conversa que se extende por unha boa parte do domingo. A xutanza crea o vínculo e este é o xérmolo para novas propostas nesta e noutras entidades.
Quedanos voltar a agradecer ao Concello de Carballo, ao Concello da Laracha e tamén ao Concello de Val do Dubra, unha parte institucional básica que se mantén como base para poder configurar toda a obra.
Moitas grazas a Asociación Veciños Polo Rural e tamén á Asociación Medioambiental de Niveiro. Por suposto a Protección Civil de Carballo e a todo o persoal directivo, profesorado e en xeral, toda a comunidade educativa da Escola Oficial de Idiomas de Carballo. Sen dúbida unha presencia impresionante neste 13 Outono en Marcha.