Cantos anos van xa que en Senda Nova temos os comezos de xullo marcados no calendario de actividades. O verán deixanos gozar, doutro xeito, da natureza máis próxima, de aprender con ela, de adaptarnos ao seu camiñar, de descifrar os códigos máis ambiciosos.
Sen dúbida, a noite é un enfoque ben diferente aos horarios das actividades de primavera que vimos de rematar. Agora, os nenos e nenas que integraron as diferentes accións do curso de Senda Nova, xa teñen experiencia en ver e interpretar a natureza, cando o sol deixa o paso á luz azulada da lúa.
É entón cando pensamos en sentir, en pararse nos exercicios para escoitar e ver a través das pequenas sombras que a lúa nos ofrece. De divisar os faros da Costa da Morte dende un dos balcóns máis fermosos. De observar os vagalumes nas beiras dos camiños, de imaxinar os lobos tras os toxos de Pico de Meda, a carón dos cabalos salvaxes.
Cando somos capaces de sentilos como parte de nos, de imaxinalos con esa fascinación que produce unha especie máis interesante para o estudo que para a erradicación, seremos parte propia dese entorno.
Só sentindonos parte desta natura seremos capaces de chegar e gozar da fermosa velada noctuna que nos ofrece a carballeira onde pernoctaremos.
Xa estamos preparando a mochila para camiñar por un dos lugares máis fermosos.