O pasado mércores día 11 de novembro, tivo lugar no local social de Couso unha nova presentación do roteiro “Via Alcaianus“, ruta encadrada neste IV Outono en Marcha que vimos levando a cabo na entidade dende o pasado mes de outubro. Durante a presentación, na que estiveron presentes Laura Mariño e Lorena Rojo, deseñadoras do roteiro, e Jose Manuel Menéndez, presidente de Senda Nova, repasouse de novo o percorrido, destacando os valores culturais e ecolóxicos que vertebraron o deseño da ruta así como os obxectivos onde se enmarca o deseño deste proxecto.
Camiñaremos este vindeiro domingo día 15 por un tramo da antiga vía romana “Per Loca Marítima” e chegaremos a través do antigo Camiño Real, a importantes lugares de gran interese como a Ponte Lubiáns, o Castro de Arixón, o Pazo do Rodeiro e a Lagoa de Alcaián entre outros moitos puntos de interese que unen e vertebran o percorrido.
Aproveitouse tamén o acto, para agradecer unha vez máis, a todas as persoas e entidades que fan posible que actividades e programas coma este saían adiante. Voluntarios e voluntarias de Senda Nova que poñen o seu tempo libre para deseñar, organizar e dinamizar as actividades, Administracións como a Deputación da Coruña e Concellos, no caso do IV Outono en Marcha o Concello de A Laracha, Concello de Coristanco e Concello de Carballo que apoian e colaboran co proxecto; Voluntarios e voluntarias da agrupación de voluntarios de Protección Civil de Carballo, e como non, aos participantes e persoas que se interesan nos programas de actividades de Senda Nova e colaboran na súa difusión e participación.
Vémonos pois, este domingo día 15 na seguinte ruta deste IV Outono en Marcha, vémonos en Via Alcaianus. Apúntate!