Novo ciclo das Conversas do Rural dende o ESPAZO DA NATUREZA DE OZA

Novo ciclo das Conversas do Rural dende o ESPAZO DA NATUREZA DE OZA

Conversas do rural

Conversas do rural

O ESPAZO DA NATUREZA DE OZA segue coa dinamización do rural a través dunha nova xeira de conversas que pretende a interacción dos asistentes con intervencións enfocadas a temáticas varias que teñen como nexo o rural.

 

O venres día 10 febreiro  ás 19h será a presentación-conversa do libro MISTERIOS E ENCANTOS DE BERGANTIÑOS, unha obra que potencia o patrimonio inmaterial da zona recollendo moitas das lendas que a través dos anos se foron mantendo na nosa comarca. Esta publicación da colección Costa da Morte da editorial EMBORA e escrito por Juan Félix Neira é unha interesante ferramenta para a recuperación e mantemento dese patrimonio na era das pantaias.

 

O venres 10 de marzo ás 20h  é a quenda de Judith Ambroa. A rapaza larachesa é unha habitual camiñante da comarca a través das andainas de sendeirismo interpretativo que se proxectan en Senda Nova e outras iniciativas.
O espírito inquedo levoulle a realizar anos atrás unha fermosa viaxe de todo un ano. A viaxe, coa mínima equipaxe leva a esta profesora de inglés a percorrer unha boa presa de países e culturas das que foi bebendo a través de diferentes proxectos nos que participou.

Miriam Sanchez Canedo colle o relevo o día 17 de marzo ás 19h. A activa rapaza de Soandres cóntanos o  seu mundo dende un coñecemento específico do seu entorno a nivel ecolóxico, cultural e emocional. Integrante de Senda Nova dende fai anos, Miriam é guía de turismo e participa en proxectos de sendeirismo interpretativo en varios concellos da contorna. Tamén traballa en iniciativas relacionadas co turismo activo e está involucrada na mobilización continua nos valores ecolóxicos, culturais e sociais da súa contorna.