Apalpador Carreira 2024 4
Espectacular velada nocturna a que puidemos vivir en Carreira-Zas o pasado domingo día 29 de decembro.
ACTIVIDADES
Dende primeira hora da tarde comezaban os obradoiros de pegadas e coñecemento do hábitat. Estas actividades, indicadas para os máis pequenos, foron aproveitadas por varias decenas de nenos e de nenas que aprenderon sobre os animais e o seu hábitat en dous interesantes obradoiros de coñecemento.
Á par, dende a Asociación de Veciños de Carreira realizaban unha interesante visita guiada pola propia aldea, á que pechaba a visita ao Museo do Liño. Perfecto Fuentes e Evarísto Domínguez encargáronse de descifrar os segredos do lugar dende tempos ancestrais para unhas 20 persoas moi interesadas na materia.
BAIXADA DO APALPADOR
Pero sen dúbida o prato estrela da tarde, chegou cando caeu a noite. A iso das sete da tarde e cunha aldea sen luz pública, a iluminación correspondeu aos propios fachos que portaba o Apalpador e a súa comitiva.
O recibimento, nos propios exteriores do Museo do Liño, estivo perfectamente amenizado polos gaiteiros e gaiteiras do grupo Churía, que fixeron coa súa música e o seu vestiario, un excelente tributo ao carboeiro do Courel.
Ao Apalpador, acompañárono os ESPIAS DO BOSQUE, unha comitiva formada por seis persoas que axudaron en todo momento ao Apalpador no seu transporte de agasallos de Nadal. Na comitiva tamén aportaron moitísimo dous cabalos, encargados tamén de levar os paquetes ao seu destino.
Toda esta comitiva parou na explanada, agardando un amplo discurso do Apalpador que se centrou na importancia de manter os entornos naturais e os ecosistemas. Deste xeito, novos e maiores, puideron aprender un pouco máis sobre os animais que habitan nos montes de onde veñen, e que tamén están presentes preto de calquera aldea do rural.
A partires de aquí, a comitiva xa foi acompañada por máis dun cento de participantes, que se deron cita na parroquia, e que chegaron a fermosa cabana de millo, realizada polos veciños e veciñas. Neste lugar, Oliver, dou a benvida á comitiva. O rapaz de Zas explicou tamén o método de realización e os usos da cabana, ao tempo que destacou o patrimonio do concello de Zas.
Finalmente, o Apalpador, dende a lareira do centro social, recibíu un a un a todos os nenos e nenas, dando agasallos para todos ao tempo que dou a degustar as castañas que foi quen de asar antes de chegar a Carreira. Os agasallos foron fermosos cadernos de campo, para que os nenos e nenas dos obradoiros puidesen poñer en práctica no seu dia a día, os coñecementos nos obradoiros previos.
O Apalpador marchou despois, seguindo o seu periplo na noite, para levar os agasallos aos demais nenos e nenas do concello.
A fermosa velada non se puidera ter realizado sen a colaboración da Asociación de Veciños O Santiaguiño de Carreira e o Concello de Zas.
Moitísimas grazas a todas as persoas que participaron. Ate o ano que ven.

Apalpador Carreira 2024 3

Apalpador Carreira 2024 2

Apalpador Carreira 2024

Apalpador Carreira 2024 1