O APALPADOR DESPIDESE EN CARREIRA

O APALPADOR DESPIDESE EN CARREIRA

Apalpador carreira 3º inverno

Apalpador carreira 3º inverno

 

Máis de sesenta persoas encheron por completo o local social da Asociación de Veciños O Santiaguiño de Carreira, en Zas, para ver baixar ao Apalpador dende o Pico de Meda cara o local social e recibilo como merece.

Na aldea de Carreira levábase respirando tradición dende as primeiras horas da tarde. O cheiro a madeira queimada da lareira sentaba moi ben na friaxe das aldeas de Zas e máis concretamente na de Carreira, onde a asociación local mantén o local e o museo en excelentes condicións tradicionais.Ningún sitio mellor ten escollido o Apalpador na xa tradicional despedida da Costa da Morte.

O carboeiro do Courel volveu baixar das montañas de Meda. Esas ateigadas de brétema xélida onde a dura climatoloxía acentúa a disputa entre o lobo e o cabalo galego, aínda en liberdade.

Coñéceo moi ben o Apalpador, incansable defensor do noso patrimonio natural e dun lobo, cada vez máis acurralado pola presión social. Incidiu coma nunca o persoeiro ao calor dunha lareira que mostrou as mellores galas para recibir a trinta rapaces e rapazas entusiasmados, dende a tarde, a través das dinámicas de coñecemento da súa figura.

As castañas acompañaron aos agasallos. Os libros, peóns e outros xogos tradicionais foron un remate a unha fermosa tarde tradicional dende o lume da lareira, dende o ulido de Carreira.