O Toural, na parroquia de Rodís, representa a entrada a un dos bosques máis esquecidos de cantos coñezo. Unha das masas autóctonas máis importantes de toda a Costa da Morte. Un dos espazos de interese en perigo extremo de desaparición.
A Ribeira da pena é o eixo dos Camiños de Aldemunde, un dos deseños de itinerarios máis antigos dos que realizamos en Senda Nova e, sen dúbida, o máis veces percorrido. E é porque a senda agasalla en pouca lonxitude, un paseo por un bosque encantado, unha visita a un muíño en funcionamento, un dos castros máis importantes da bisbarra e, por último, terminar na Pedra Moura, ese dolmen que é capaz de incluír a Carballo no futuro Parque do Megalitismo. Esta é a razón pola que en numerosas actividades con colexios da bisbarra, a Ribeira da Pena e os Camiños de Aldemunde, sexan o marco perfecto para unha aula de aprendizaxe continuada.
E dende a entrada ao universo encantado do bosque, podemos ir pintando un dos cadros máis auténticos: o que transmite ese ulido a humidade mentres escoitamos a auga que cansa de pelexar, esquiva para sempre eses muíños abandonados.
Mentres a senda caprichosa nos vai ofertando curvas, xs participantes van recibindo estímulos sucesivos en cada retorta: a sinal do porco teixo para os máis ávidos rastrexadores ou o mofo, que escala os carballos ata onde alcanza a vista, son das primeiras reflexións no interior dun territorio de fadas.
Chove na Ribeira da pena ao ritmo dos pasos dos camiñantes. Paseniño como sempre choveu na Ribeira da pena dende que os xigantes carballos foran capaces de deixar sen forza as máis altas tempestades para que o sotobosque de abeleiras, loureiros e acivros remataran por deixar que a auga da choiva acariñe os impermeables dxs participantes.
Paseniña, acompasada, vai enchendo de vida as corredoiras por onde camiñamos. De multitude de plantas que acollen indicios de numerosos animais e cantos das máis variadas aves que, en época reprodutiva, conviven invisibles na espesura da mata.
A pesares dun percorrido pola lonxitude máis abultada da área boscosa, o itinerario sae dela máis cedo do que pensamos. A historia do bosque da Ribeira da Pena comeza a rematar na xornada. Faino despois de percorrer as novas e insensibles plantacións de eucalipto que están a arrasar esta xoia da nosa bisbarra a un ritmo frenético que, senón ten volta atrás rematará coa fermosa historia do bosque encantado.
A destrución non ven só con nome de bosque. As recentes plantacións de eucaliptos percorren a xeografía da zona e suben molas murallas do Castro de Aldemunde.
Por se fora pouco, a Pedra Moura tamén se atopa na encrucillada. Puidera parecer mentira que a este xacemento lle poidan acontecer hoxe en día agresións mais, durante o pasado confinamento o vial aberto de acceso a fincas lindeiras converteuse nunha pista de zahorra que atravesa a mámoa. A Pedra Moura segue a sufrir continuas agresións dende que no comezo da era da maquinaria, foran levados varios megalitos para obras domésticas e civís.