Os Xoves de Filmes navegan polo V Inverno Ancestral con rumbo fixo e gañando achegas.
As sete da tarde dos xoves acaba sendo parada obrigada no Espazo da Natureza de Oza. Desta volta para case dúas decenas de persoas, como de costume, con ampla representación moza en un contexto de proxeccións achegadas ao medio máis próximo, en moitos casos con problemáticas ecolóxico-sociais.
O binomio proxección-debate tamén se cumpriu co documental de onte dedicado ao cabalo galego de monte. Un filme construído fai 20 anos, que intentaba poñer en valor a figura dunha especie autóctona galega e a súa labor en estado de liberdade nos montes de Galicia.
As Rapas das bestas e a exposición doutros usos diferentes para o mantemento da raza autóctona foron outras cuestións que puxo sobre a mesa o documental antes do posterior debate entre os participantes da actividade.
O posterior faladoiro puxo de relevo a caída de poboación nos últimos anos, lembrándose de lugares como Pico de Meda, por exemplo, onde se pasou dun cento de reses ata rematar por non ter ningunha. Tamén se valorou a raza como excelente para o mantemento do noso monte e para a prevención de incendios forestais. É unha das poucas que é capaz de comer toxo. Debido á súa xenética e morfoloxía, trátase da máis adaptada ás condicións en liberdade nos montes de Galicia.
A vindeira actividade tamén está enmarcada nos Xoves de Filmes. O vindeiro xoves ás 19 h. será a quenda de O bosque caducifolio, un traballo de carácter máis ecolóxico baseado en lugares de gran importancia ecolóxica como O Courel.