Presentación III Inverno Ancestral
Na tarde do sábado 12 de decembro recibimos o inverno na rúa Venezuela de Carballo. Máis de 50 persoas achegaronse para facelo a carón dun magosto traballado polas voluntarias e voluntarios da asociación.
Achegaronse representantes dos concellos colaboradores, nenos e nenas da Escola Ambiental, amigos da asociación, veciños e voluntarios; auténtico motor da asociación e do programa.
Media ducia deles foron os encargados de expoñer a xeira de actividades deste novo Inverno Ancestral. Un proxecto que se asenta nas costumes populares dos máis maiores e que ten como obxectivo principal a transmisión delas á sociedade e, de xeito especial, aos nenos e nenas da Costa da Morte. A posta en valor do patrimonio inmaterial é, por tanto, o eixe dende onde xira este proxecto con máis de 15 accións diferentes e con case 30 días de actividades espalladas polas comarcas de Bergantiños e Soneira.
Unha gran parte do cartel compoñeno as HISTORIAS DE INVERNO, coma sempre nas diferentes parroquias da Costa da Morte. Igual que en anos anteriores, son os máis vellos do lugar os que nos narran as vivencias e a historia da súa parroquia a través de diferentes e interesantes temáticas axeitadas por un presentador tamén coñecedor da parroquia.
Unhas entretidas narracións que se manteñen para sempre no material gráfico recollido por Senda Nova e que se sumarán as parroquias participantes en anos anteriores.
Desta volta viaxamos a Caión, Cances, Lamas, Aldemunde, Cerqueda. Laxe, Carballo e Rececinde noutras tantas tardes de contos, lareira e café, nos locais sociais das súas parroquias.
Agradecer a colaboración dos narradores, presentadores e como non, entidades e concellos colaboradores.
Xa en anos anteriores viñamos traballando a figura do Apalpador dentro do Nadal galego. Este ano, a maiores queremos facer as visitas aos máis pequenos das escolas de Carballo e Coristanco. Facémolo coa colaboración de ambos concellos e tamén dos centros de ensino, con traballos previos sobre a figura do emblemático carboeiro galego.
Tratase de xogar como o facían os nosos avós. Tamén de demostrar nunha época claramente consumista a necesidade de fabricar os propios xoguetes como ferramenta imaxinativa e de potenciación das destrezas do neno. Tamén o de fomentar a creacción dos xogos favorecendo a coordinación e a organización entre os máis novos en xogos comúns.
Como cada ano, o carboeiro galego baixa das montañas de Meda cargado de agasallos para os máis pequenos. Recibiremolo no local social de Carreira coa colaboración da Asociación de Veciños O Santiaguíño de Carreira- Zas. Xogos, música…todo nunha tarde no museo do Liño de Carreira.
Un interesante e interpretativo roteiro de sendeirismo pola parroquia de Cerqueda guiado por Xosé Manuel Varela Varela e polos membros da Asociación de Veciños Monte d´Arxa, unha entidade que loita cada día pola posta en valor do seu patrimonio cultural.
Como cada ano, coincidindo co DÍA INTERNACIONAL DOS HUMIDAIS, poñémoslle o foco a un humidal da nosa contorna. Este ano tócalle o turno a Baldaio.
A través de saídas interpretativas con escolares e abertas ao público en xeral, polas diferentes parroquias que compoñen Baldaio intentaremos achegar a súa riqueza ao público bergantiñán. As actividades completaranse nunha intensa semana con charlas e outras actividades de áula.
Como peche de programa iremos de excursión a outros puntos peninsulares para ver de primeira man as vivencias invernais noutros lugares diferentes. O destino aínda está sen definir. Estade atentos e atentas porque seguro non vos vai defraudar.
As diferentes actividades terán por separado un cartel informativo preciso para a súa participación.
Seguidenos… O III INVERNO ANCESTRAL XA COMEZOU.
Fermosa a tarde que pasamos arredor das castañas e dos amigos. Moitos contos, moitas historias das actividades contadas…moita xente e moitos amigos detrás deste longo programa que presentamos hoxe.
Agradecer a todos os participantes que nos acompañachedes e a todos os que por diferentes motivos non puidechedes facelo.
E este mesmo luns día 14 comezamos nas escolas de Bergantiños acompañando ao Apalpador.
Que gusto ver a nenos e nenas!