O Monte Neme pechou unha edición máis do Outono en Marcha, entre brétema e orballo.
O pasado domingo máis de medio centro de participantes, subiron un ano máis ao alto do máxico Monte Neme, un lugar cheo de lendas e historia, que a pesares de estar completamente masacrado e esnaquizado, segue a abraiar a todo aquel que se achega a él.
Desta volta foron moitos os participantes que subían por primeira vez a este monte mítico, e a pesares de facelo entre néboa e choiva, o que impediu gozar das amplas vistas que nos ofrece, conseguiu contaxiar en todos eles a maxia, a lenda, o respecto, e sobre todo o medo a que poida seguir sendo esnaquizado por proxectos que poñen en perigo a nosa contorna, a nosa natureza e o noso rural, como son entre outros, os parques eólicos.
A Escola de participación cidadá de Narón, sumouse a esta actividade con ganas de gozar ao aire libre, de aprender e sobre todo de aportar e ensinarnos. Un luxo poder contar coa presenza de cada un dos participantes neste roteiro tan especial, que ademáis rematou cunha chocolatada de confraternidade no Espazo da natureza de Oza.
Se para algo estamos seguros que serven este tipo de actividades que ano tras ano se repiten e percorren os mesmos lugares e itinerarios, é para poder facer unha diagnose dos lugares polos que pasamos. Edición tras edición imos vendo como moitos deles cambian (moi poucas veces para mellor), e como cada vez están máis en risco. Corredoiras desfeitas, verquedoiros ilegais, novas plantacións de eucaliptos ou especies foráneas, masacre das beiras dos ríos, proxectos que ameazan lugares de interese e de alta sensibilidade ecolóxica, social ou cultural. Ou incluso as consecuencias que xa se poden ver e palpar de algúns proxectos, accións ou medidas tomadas con anterioridade, e que deberían de servir para facer balance e non voltar a cometer os mesmos erros.
Un ano máis dicímoslle adeus ao outono e dámoslle a benvida ao tempo de lareira, de frío e de xeadas, e despedimos as sete camiñadas que deron vida a este programa, sendo a edición con máis actividades e con maior participación até o momento, superando os 25o participantes grazas a xuntanza de moitos esforzos e traballo. Dende voluntarias e voluntarios da entidade que fixeron posible os apuntamentos e o desenvolvemento das actividades, o FIOT e a Escola municipal de teatro que deron vida a novidosa ruta teatralizada do Xestal que abriu esta edición do outono en marcha, Concellos de Carballo, Coristanco e A Laracha que ano tras ano confían no proxecto e colaboran con él, a Protección civil de Carballo, a todas as persoeiras e persoeiros que aportan en cada ruta enchéndoas de coñecementos, e como non os participantes que se esforzan cada domingo en madrugar, encherse de lama, e percorrer os camiños e corredoiras de cada itinerario coa filosofía de aprender e ensinar, facendo grande este proxecto.