espias no bosque 2023 6
O PROGRAMA ESPÍAS NO BOSQUE REMATA A EDICIÓN CON MÁIS PARTICIPANTES
espias no bosque 2023 5
espias no bosque 2023 3
espias no bosque 2023 2
espias no bosque 2023
No día de mañá será a última das andainas de ESPÍAS NO BOSQUE. O sendeirismo interpretativo será protagonista como en anos anteriores no remate do ano coa actividade clásica de andainas para o coñecemento.
Neste ano 2023, o programa financiado pola Deputación da Coruña estableceuse como unha das iniciativas máis importantes da bisbarra no coñecemento da natureza. Deste xeito foron máis de 1500 persoas as que, dun xeito ou outro se achegaron ao proxecto nas súas diferentes modalidades de actividades.
As accións teñen como principais protagonistas as especies autóctonas de mamíferos, a través das cales xira todo unha estrutura de iniciativas.
AS CHARLAS
As charlas realizáronse basicamente en centros de ensino. Foron intervencións máis de 70 intervencións duns 20 minutos de duracións onde se lles amosan as principais características de dúas especies de mamíferos autóctonos. Estas visitas realízanse principalmente en niveis de primaria, aínda que son moi importantes tamén as resoltas nas escolas unitarias do rural, acompañando ao Apalpador. O carboeiro do Courel chega ás nosas comarcas para desenvolver unha grande labor de coñecemento da natureza que espalla polas parroquias da Costa da Morte. A rapazada agasállalle traballos fermosos que teñen realizado nas últimas semanas lectivas e que este ano tiveron como nexo os traballos sobre o corzo.
SENDEIRISMO INTERPRETATIVO
O sendeirismo interpretativo foi outra das grandes ferramentas de achegamento. En actividades dinámicas e profundizando máis que nas charlas, as accións de sendeirismo chegaron a máis dun cento de persoas.
Estas actividades desenvolvéronse a través de público variado. Deste modo participaron público familiar dende iniciativas do Espazo da Natureza de Oza e tamén accións con colexios ou colectivos específicos como o propio profesorado. Boa parte dos participantes dos cursos de verán de normalización lingüística realizados en Carballo pola USC foron precisamente docentes, cos que conseguimos un achegamento á natureza a través de lugares Rede Natura como o Río Anllóns.
OBRADOIRO DE PEGADAS
As actividades máis específicas foron os Obradoiros de Pegadas e Indicios, cos que a través de 5 accións chegamos a máis dun cento de participantes. Moitas destas actividades realízanse en dúas xornadas, habendo unha parte de aula e unha saída ao medio. Son iniciativas menos dinámicas e con máis contido, acadando unha maior profundización nos contidos, sobre todo nos relacionados co comportamento das diferentes especies de mamíferos autóctonos.
Outra das partes importantes do programa é o que ten que ver coa edición de material gráfico informativo, non só do propio proxecto senón o que ten que ver cos contidos propios de cada unha das especies. Aínda así, os elementos máis chamativos e que gozan de mellor acollida son as guías de pegadas ou as barallas de animais que se reparten e nas que, dun xeito lúdico se poden coñecer as principais características das principais 30 especies de mamíferos galegos.
É un proxecto en continua progresión, tendo en conta, sobre todo coa ampla participación de xente nova e de participantes relacionados co ensino. O balance positivo desta nova edición que pechamos convídanos a seguir crecendo no ano 2024.