A homologación da Ruta das Férvedas logrou vestir de bonito un percorrido cunha gran carga de contidos.
Ano tras ano son moitas as persoas que solicitan información sobre o percorrido. Un bó número delas tamén se apunta dentro da actividade que realizamos no marco do OUTONO EN MARCHA anual, para sacarlle o máximo en contidos a través das andainas organizadas.
A situación excepcional que vivimos non fixo decrecer en ningún momento o interese na actividade mais si fixo que a realización da mesma sufrirá modificación abondo con respecto a outras edicións.
A Depresión Meridiana é o eixo que nos guiou en todo o itinerario do pasado domingo. Unha Ruta das Férvedas fora do itinerario homologado, que visitou aldeas, igrexas, cruceiros e pazos, para dotorarse coa explosión de paisaxe que supoñen os saltos de auga de Rus e Entrecruces.
A viaxe polo camiño tradicional supuxo empaparse en historia e tamén sacar quilómetros con respecto ao trazado sinalizado. As corredoiras tradicionais que unían de xeito lineal as aldeas situadas a media altura da Depresión Meridiana foron masacradas a prol do asfalto cando, na metade do SXX, a maquinaria abríase paso a cando as modas de piso fino.
Máis imperdoable é unha actualidade de desfeita no pouco que nos queda de viais antigos cheos de historia. Con especies autóctonas nas marxes, vístense de camiños reais enmarcados nuns muros de pedra seca patrimonio da humanidade. Un auténtico luxo camiñar na esponxa dos chans irregulares de cheiro a loureiro.
É incomprensible como hoxe en día podemos ser testemuñas destas desfeitas nos tramos máis fermosos e de máis historia destas corredoiras. Aqueles nos que sacábamos as mellores fotos anos antes. Os exemplos de traxectos con todas as características do que debera ser un camiño tradicional. Aquelo que buscan os proxectos de homologación é xustamente o que se fulminou nalgún camiño de Rus e en pleno traxecto homologado.
Certo é que a maxia do outono e os cada vez máis buscados árbores caducifolios, teñen que chegar para que a carga psicolóxica negativa non invada as almas dos camiñantes. Sen dúbida a paisaxe da Férveda de Rus e Entrecruces é suficiente para ocultar as desfeitas por un intre. A maxia dos tramos de corredoira que aínda nos quedan entre as parroquias de Rus e Entrecruces e a grandiosidade da construción relixiosa de Sta María de Rus mostran que en pouco terreo temos unha inmensidade de patrimonio. Suma a todo el a capela de San Paio ou a igrexa de Entrecruces, en harmonía coa paisaxe do val de Rus e as múltiples construcións fidalgas sementadas pola zona.
O camiño da Depresión Meridiana é pois unha sucesión continuada de paisaxe e patrimonio que segue alentar a pesar das desfeitas.