O pasado domingo día 13 adiantouse a primavera á data prevista. Os máis de corenta participantes nunha nova actividade das XORNADAS DE INTERPRETACIÓN DOS BOSQUES 16 desprazaronse ao concello da Laracha para percorrer o tramo alto do río Bardoso recentemente acondicionado polo Concello da Laracha. Na parroquia de Montemaior puidemos percorrer, nun expléndido día e de muíño en muíño, un fermoso tramo de cauce saltarín que se desploma das partes máis altas da parroquia larachesa, para perderse na veciña Sofán. Este tramo posúe unha importante variedade de vexetación de ribeira pero ademais, sementa de vexetación autóctona por ambas marxes nun ancho considerable. As especies de folla caduca e peremne máis representativas do noso clima, deixan pegada constante no chan de Montemaior. Para indicios de fauna, os participantes, moitos deles, nenos e nenas, tiveron que facer o interesante esforzo do gran observador, para estudar os sinais de xabarín e de porco teixo que se manifestaban en defecacións, pegadas e incluso bastos pelos de porco bravo.
Os muíños forman un interesante patrimonio etnográfico. Moitos deles atópanse aínda coas principais pezas que forman o perfeto engranaxe das construccións.
A quenda da tarde for parar a Entrecruces. O bosque da Berbia vertébrase arredor do rego que leva o nome, tamén cantarín por mor dos saltos de auga que caen do macizo do veciño Monte do Castelo.
A pesares da forte presenza de acacias, o espazo segue a ser espectacular. As pendentes considerables mantiveron unha importante presenza de carballos, castiñeiros, acivros, loureiros e o WOODWARDIA RADICANS, ese milenario fento, que resistíu ás glaciacións e que se atopa hoxe en día como especie vulnerable. O fento, que necesita da cobertura arbórea autóctona para sobrevivir, tamén necesita moita humidade, algo que, indubidablemente, atopa na Berbia.
A volta polo bosque rematou coa baixada por unha fermosa corredoira antiga que nos devolveu ao autobús de viaxe de volta. Unha fermosa xornada xa, de primavera.
Lembrade o vindeiro martes 15, pecharemos ás 20 h a serie de documentais “Butaca Verde” coa proxección “Marcha Atras”. E que o domingo 20 pecharemos as xornadas co DÍA DA ÁRBORE, coa prantación de especies autóctonas en Carballo. Aberto a todos e todas.