O verán ao Natural 18 despídese e dalle a benvida a un novo outono

O verán ao Natural 18 despídese e dalle a benvida a un novo outono

Finais de setembro principios de outubro, o sol vaise e o Alto do Nalón despídenos ata a próxima. Afastámonos lentamente coa choiva as costas e o sol no horizonte. Un sol xa menos cálido e un clima máis frío. Os cérvidos van berrando menos. O VERÁN AO NATURAL xa rematou.

O 14 de xuño realizabamos o tradicional ROTEIRO NOCTURNO, nesta edición polo Monte Neme e con pernocta no ENO.

Un percorrido moi sensorial, xa que debido á escuridade na noite e a estar diminuida a visión, foi preciso aguzar o resto dos sentidos. O que nos permitiu centrarnos en outros estímulos e admirar a fauna e a flora que tornou completamente distinta.

Subimos ata o cumio entre vales dos regos que van dar a Cances, onde se podía ulir e sentir a humidade, escoitamos pequenos animais comezando a súa actividade nocturna e, entre montes veciñais, atravesamos tramos de camiño con valados que nos din que o seu uso se remonta a bastante tempo atrás.

No luscofusco pasamos pola antiga mina de Volframio e soupemos máis do seu contexto, mentres comezabamos a divisar as estrelas e constelacións máis coñecidas con Marte no ceo. Pasamos pola Eira das Meigas e alí démonos un tempo de máxico silencio, pouco antes de facer unha “visita virtual” á desaparecida capela de Santa Cristina.

Xa no ENO, en Oza, montamos as tendas, ceamos e cantamos mentres observamos as estrelas do ceo. Foi un roteiro e unha noite máxica e sensorial.

Os días ían a máis e foi tempo de facerlle unha visita ao cabo de Santo Hadrián en Mlapica, cun ROTEIRO DE AVISTAMENTO DE AVES para conmemorar o 70 aniversario das visitas realizadas as Sisargas polo famoso ornitólogo Francis Bernis. Grazas ao ornitólogo Álvaro Barros, membro da SGO, puidemos gozar dunha tarde entre paxaros e sentirnos un pouco coma na pel de Bernis fai tempo atrás.

 

Un verán máis tampouco podía faltar o CURSO DE INICIACIÓN Á CARTOGRAFÍA E ORIENTACIÓN, pois para acadar un pleno contacto co medio que nos rodea convén coñecelo e saber camiñar por el.

A comezos de Setembro no Espazo da Natureza de Oza entre compás, mapas e “alimentos orientativos” introducímonos nos conceptos básicos de Cartografía para logo comprender mellor como son e como se usan dúas ferramentas case imprescindibles para a orientación, o mapa e o compás, para guiarnos e non perdernos na Natureza e en xeral nos espazos abertos.

Os asistentes, pequenos e maiores, aprenderon a usar o compás para tomar e seguir rumbos, como se representa a Terra e cales son os diferentes elementos dos mapas e que información representan, traballaron con coordenadas xeográficas e descubriron estratexias para guiarse por outros medios naturais como o Sol ou as estrelas.

Os primeiros días na aula deuse unha introdución teórica, rematando o curso o sábado cun exercicio de orientación en campo, que se realizou na zona de Razo.

Saímos do curso cun aprendizaxe non só para orientarse en situacións concretas na Natureza, senon que, dende un punto de vista máis filosófico, tamén para a vida, e é que non é o mesmo estar perdidos que temporalmente desubicados.

Na vida en xeral tamén é importante ter a capacidade de orientarse, trazar rumbos cara os nosos obxectivos e ser capaz de seguilos e recuperalos se os perdemos.

E como unha das maiores paixóns soe ser adentrarse o máximo posible no entorno natural, para darlle remate a todo un verán cheo de actividades puxemos rumbo 43°14′13″N 5°30′14″O cara El Condao, Asturies, para sentir a chamada do salvaxe e sentir a BERREA. Unha forma de coñecer as entrañas, de sentir na mesma pel a natureza máis pura. De aprender e coñecer aos nosos compañeiros e compañeiras e, sobre todo, a nós mesmos.

A choiva e un frío xélido despedía a ese arén de venados carballeses que marchaban un pouco máis cheos de vida cara a casa, pero tamén algo máis vacíos pola volta á rutina. O camiño de volta servíu para coller folgos e desexos para un novo outono que nos espera con moitas sorpresas.

Se queres coñecelas estás convidada á PRESENTACIÓN que se fará este mércores día 10, ás 19h no Espazo da Natureza de Oza. Vén ver as novidades que se agochan dertás das noites de outono!!

GRAZAS a todas e todos os que fixestes posible outro verán de convivencia e pleno contacto coa natureza, sobre todo agradecer a eses voluntarios e voluntarias da entidade que se mergullan de cheo no inmenso mar do verán ao natural.

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank