Os paseos da muraia ou rondas da muraia dos castros, eran balcóns situados no máis alto do perímetro defensivo dos mesmos. Lugares para a vixilancia e localización dos centinelas. Sitios estratéxicos con percorrido circular, dende onde un se sentía importante, forte, impoñente.
Un síntese importante nos Camiños de Caión. Dende estes outeiros, o percorrido circular vai ofrecendo una paisaxe dende as alturas que divisa o Atlántico exterior e o mar interior que nos pinta o espazo natural de Baldaio.
O que sería o paseo da muraia completase cunha mirada ás aldeas de Borrazás, Pereiras e Nandulfe, ben abrigadas do nordés, que case pechan un círculo dominado dende as alturas.
Os camiños de Caión son paisaxe dende o alto por un territorio de histórica influencia dos Agostiños de Caión. Un percorrido patrimonial dende unha vila baleeira que soubo seguir a historia a través da súa impoñente igrexa de trazas renacentistas e o sobrio Pazo de Graxal.
Son sendas que chegan a un dos destinos máis importantes da Costa da Morte, a Capela dos Milagres, centinela da península e do barrio mariñeiro. Terras abertas ao mar que esconden segredos en forma de terra fértil nas propias agras de Caión e Rebordelos.
Os case 40 participantes da pasada ruta tamén puideron desfrutar da escultura natural do mar e o nordés. A costa entre Baldaio e Caión ofrece en cada retorta do camiño unha sorpresa en forma de praia fósil, coídos, ou furmas furadas que foron televisivas non fai tanto. Aldeas escondidas como Leira ou Constenla e patrimonio castrexo neste último lugar.
Co nexo do lugar da antiga feira do Rapadoiro, estes Camiños de Caión manteñen sempre as cámaras de fotos dos visitantes en alerta. Cada retorta, un mundo.