Apalpador Carreira 25 Espias no Bosque 2

Apalpador Carreira 25 Espias no Bosque 5

Apalpador Carreira 25 Espias no Bosque 3
A parroquia de Carreira vestíuse de gala o pasado sábado 27 de decembro para recibir ao Apalpador e aos Espías do Bosque da súa comitiva, que ensinaron o camiño ata o lugar.
ACTIVIDADES DIVERSAS DURANTE TODA A TARDE
A tarde comezaba na aldea de Zas cos Obradoiros de Coñecemento da Natureza. Os máis pequenos aprendían sobre pegadas e indicios a través dos monitores e monitoras de Senda Nova dende a taberna que a Asociación de Veciños O Santiaguiño de Carreira mantén no nucleo rural.
Paralelamente, e para os máis maiores, comezaba unha visita guiada pola aldea. Dende a propia entidade veciñal encargáronse dun interesante percorrido pola contorna, salientando os puntos máis importantes e aportando coñecementos etnográficos. A cabana, os diferentes cabazos modelo Soneira, o lugar da fonte ou as casas máis antigas foron algúns dos lugares de parada. Finalmente e como colofón final, tivo lugar a visita ao Museo do Liño de Carreira. A xoia de Carreira foi visitada por todas as persoas que participaron na visita guiada. Dende alí puideron comprobar o ciclo do liño, dende que se sementa ata que se leva ao tear. Incluso comprobar o funcionamento destes aparellos ancestrais.
BAIXADA DO APALPADOR
Pero o momento máis agardado foi a chegada do Apalpador e da súa comitiva, que puxeron fin ao camiño na propia aldea cando xa era noite. Co Apalpador viñan os Espias do Bosque, oito persoas que guiaron ao carboeiro do Courel dende o alto de Pico de Meda ata mesmo o local social da aldea.
Ademais das persoas, a comitiva estaba composta por varios cabalos, necesarios para poder transportar os agasallos que o Apalpador lle levaría aos nenos e nenas durante a noite.
O Grupo de Gaitas Churía recibíu á comitiva coa Marcha do Antigo Reino e acompañou en todo momento ás persoas. Foi despois da mensaxe do Apalpador que, coma sempre, incidiu en cada parada nos valores de respecto e conservación do medio natural, poñendo de exemplo aos mamíferos autóctonos máis representativos. A importancia de conservación dos hábitats autóctonos ou a erradicación do eucalipto foron mensaxes que transmitíu o carboeiro mediante as súas intervencións.
PERCORRIDO POLA ALDEA CON MÁIS DE 30 ANTORCHAS
Ao Apalpador e a súa comitiva sumouse máis dun cento de persoas que agardaban polo personaxe do nadal galego. E despois do recibimento tocou un fermoso percorrido pola aldea de Carreira.
Carreira recibíu ao Apalpador coas luces completamente apagadas. Coa aldea a escuras, o percorrido pola aldea foi alumeado con máis de 30 fachos, que puxeron a luz cálida e ténue para alumear un itinerario para a interpretación. Dende a propia asociación de veciños encheron de contido cada lugar interesante da aldea, facendo fincapé na fermosa cabana, realizada pola xente de Carreira, e no propio local social, destino definitivo do Apalpador.
Dende a fermosa lareira do local social, o carboeiro repartíu agasallos a cada neno e nena, e tamén castañas. Un por un foi pasando toda a cativada, que recibía de xeito personalizado os mensaxes de sensibilización polo medio ambiente.
Moitas grazas pola colaboración ao Concello de Zas, á Asociación de Veciños O Santiaguiño de Carreira e a Deputación da Coruña.

Apalpador Carreira 25 Espias no Bosque

Apalpador Carreira 25 Espias no Bosque 4