Este vindeiro mércores, ás 21 h. no andar -1 do Pazo da Cultura inauguraremos a exposición fotográfica OS PASOS DA HISTORIA. Trátase de 50 fotografías realizadas nunhas 80 andainas nestes 10 anos de PRIMAVERA EN RUTA.
As 50 fotografías mostran, entre outras cousas, patrimonio local e están escollidas entre máis de 4000 realizadas en todo este tempo.
Con elas queremos impulsar o proxecto da PRIMAVERA EN RUTA, así como agradecer cantas colaboracións tivemos nestes dez anos por parte de concellos, Protección Civil, asociacións culturais e veciñais e persoas que nos encheron de contido en cada andaina.
As fotografías foron todas realizadas nas mesmas actividades por moitas persoas da asociación con equipos diferentes, técnicas diferentes e en condicións variadas. A escolla e montaxe así como as frases explicativas de cada unha das unidades foi tamén construída por compoñentes da asociación.
Ao acto público deste mércores están convidados representantes dos concellos que colaboraron nestas edicións da PRIMAVERA EN RUTA así como membros de Senda Nova e outras entidades culturais e veciñais coas que compartimos estes dez anos de aprendizaxe. Por suposto, queda aberto o acto e a exposición a todas e todos aqueles que queiran compartir con nos esta importante presentación nesta salientable efeméride.