Nova xeira de Xoves de Filme.

Xoves de filme prim 19
Unha nova xeira de Xoves de filme ábrese paso na primavera deste 2019 e no Espazo da Natureza de Oza para poñer o foco en audiovisuais que nos acheguen ao patrimonio ambiental, cultural e paisaxístico. O ENO volta a ser o epicentro das proxecoóns que convivirán co resto da programación da asociación para o dinamismo da parroquia de Oza, da asociación e do noso entorno.
Nas propostas destes meses tamén destaca unha nova obra de produción propia: BUENOSDIASTENGAUSTÉ, un documentario baseado nas Historias de Inverno en 21 parroquias durante tres anos. Reflexa a escola de mediados de século XX. Coa presentación, polo Día das Letras, pretendemos de novo dar a emoción do ano pasado, cando se xuntaron no noso local unha boa presa de persoeiros protagonistas das Historias de Inverno que, cos familiares e amigos, encheron de emoción o Espazo da Natureza de Oza.
O resto das propostas son as seguintes:
Ciclo Documentais por Galicia: auga, aire e terra limpas
(No ENO, Xoves ás 19h.)
Este ciclo é unha iniciativa de diversas plataformas e colectivos que xurde da necesidade de difusión de todas as problemáticas medioambientais que se veñen producindo e que son unha constante ameaza aos nosos medios de vida no rural. A través das miradas de veciños e veciñas, de xente do ámbito da ciencia e a investigación, de asociacións culturais e medioambientais amosase a outra realidade que se pretende agochar.
Proxectaremos tres documentais propostos por esta iniciativa para visibilizar estas situacións que ameazan o medio ambiente e a un medio rural sostible:
18 ABRIL: “Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terra limpas”.
Filme sobre as problemáticas ambientais da contorna das comarcas de Compostela, Ordes, Arzúa e Lalín que ameazan aos medios de vida do rural.
Sinopse: documental que recolle as problemáticas da contorna das comarcas de Compostela, Ordes, Arzúa e Lalín, a través das declaracións de veciñas e veciños que se unen a través de organizacións cidadás na contorna como resistencia á destrución que empresas enerxéticas, mineiras e de xestión de residuos que operan en todo o territorio galego e ante a falta de actuación da Xunta de Galicia para evitalo, investigalo e emendalo. Proxectos que supoñen un atentado aos medios de vida do rural, ás terras, á auga e o aire limpos.
Dirección: Xosé Antón Bocixa Produción: Tingalaranga audiovisual para NÓS Televisión
Ano: 2019 Duración: 75 min.
25 ABRIL: “San Finx: a catástrofe de 1960”.
Filme sobre a rotura da presa de decantación de residuos das minas de San Finx en Lousame.
Sinopse: Lousame, 1960. Unha presa de decantación de residuos das minas de San Finx rebenta, arrastrando río abaixo lodos e áridos. Deste evento, bautizado como a “catástrofe de 1960”, apenas existen rexistros escritos. Hoxe, as presas están abandonadas, en risco dunha nova rotura. A responsabilidade evaporouse. Pero o relato do acontecido sobrevive na fráxil memoria da veciñanza, ao tempo que unha nova concesionaria e a administración se empeñan en reescribir a historia.
Dirección: Irene Pin Produción: Centro de Saberes para a Sustentabilidade. Cofinanciado por Guerrilla Foundation, Fundación Montescola, PLADEMAR, Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins.
Ano: 2019 Duración: 50 min.
2 MAIO: “MinaRía NON!!!”.
Filme sobre a ameaza que supón a megamina de Touro-O Pino para a ría de Arousa.
Sinopse: o proxecto de megaminaría en Touro e no Pino supón unha ameaza ambiental para toda Galicia, e en particular para os veciños e veciñas da comarca que levan décadas sufrindo as consecuencias de viviren a carón da mina abandonada. A afección constante xa sobre a auga, que chega á ría de Arousa, suporía un desastre ecolóxico e económico contra o que se ergue a cidadanía.
Dirección e Produción: Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes
Ano: 2018 Duración: 21 min.
Reportaxes:
9 MAIO: “Tierra Herida”.
Reportaxe sobre as canteiras abertas sen restauración no territorio español.
Sinopse: O territorio español está furado por canteiras, unhas feridas ben visibles que moitas veces non cicatrizan. Os concellos vense impotentes para controlalas e as comunidades autónomas son tan permisivas que as canteiras acaban mal restauradas. Os ecoloxistas loitan para evitar esta paisaxe malferida.
Reportaxe pertencente ao programa “El Escarabajo Verde” Produción: Corporación de Radio y Televisión Española (RTVE)
Ano: 2018 Duración: 28 min.
PRESENTACIÓN DOCUMENTAL SENDA NOVA:
Venres 17 MAIO ás 20:00h. no ENO de Oza
“Buenosdiastengausté”
Segundo documental baseado nos faladoiros das Historias de Inverno da Asociación Ambiental Senda Nova. Un percorrido a través de 21 parroquias de Bergantiños e Soneira feito nos últimos tempos onde os protagonistas son os nosos maiores.
Produción e Dirección: Senda Nova
Edición e postprodución: Illa Bufarda
23 MAIO: “Tres montes vecinales: Froxán, Covelo, Teis” e “Monte Veciñal de Froxán”.
Dúas reportaxes dos programas El Escarabajo Verde (TVE) e Labranza (TVG) sobre a xestión dos montes veciñais de Froxán, Covelo e Teis recoñecidas pola ONU recentemente como áreas ICCA (Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais).
Produción: Corporación de Radio y Televisión Española (RTVE) e Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG)
Ano: 2018 e 2019 Duración: 28 min e 19 min respectivamente.
Sinopse “Tres montes vecinales…”: Nacións Unidas distinguiu ás comunidades de montes galegas de Froxán, Covelo e Teis pola súa eficacia na conservación. Figuran nunha lista de boas prácticas baixo as siglas en inglés ICCA, Áreas Conservadas por Comunidades Locais. Neste Escarabajo Verde imos a coñecer as súas iniciativas, que pasan por recuperar e manter a biodiversidade do lugar que habitan mediante a gobernanza comunal. Os Montes Veciñais son tamén unha ferramenta de gobernanza comunal coa que os veciños poden tomar decisións directas sobre o territorio que habitan, iso si, mediante o consenso, que non surxe sempre á primeira.
Sinopse “Monte Veciñal de Froxán”: O programa “Labranza” dedicou a súa edición de 06/05/2018 ao monte veciñal en man común de Froxán e aos proxectos ligados á súa inclusión no Rexistro ICCA (Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais) da ONU Ambiente. Alén de presentar a visión global do monte, explícanse proxectos concretos como o “Montescola” e a iniciativa #oteubosque, realizados en colaboración coa Sociedade Coluna Sanfins.
30 MAIO: “Sangre de aventureros”.
Capítulo do programa “Ochéntame otra vez” (TVE), conta a historia dos aventureiros e pioneiros do xénero dos programas documentais de aventura para TVE.
Sinopse: Nos anos 80, TVE foi unha xanela aberta ao mundo nun momento no que viaxar aínda era un privilexio que non estaba ao alcance de todos.
Produción: Corporación de Radio y Televisión Española (RTVE)
Ano: 2017 Duración: 51 min.
Como ven sendo habitual nas últimas estacións da programación dos Xoves de Filme, contaremos para as conversas posteriores aos filmes con xente de colectivos vencellados ás proxeccións, neste caso a comunidade de montes de Froxán con relación cos filmes de San Finx (25 Abril) e dos montes veciñais de Froxán (23 Maio).
Todas as actividades deste programa son libres e de balde e realizaranse ás 19h da tarde no Espazo da Natureza de Oza (única limitación a capacidade do ENO) salvo a presentación do documental de Senda Nova que se levará a cabo ás 20:00h.