POLA PEGADA ROMANA DENDE ALCAIÁN A CARBALLO

POLA PEGADA ROMANA DENDE ALCAIÁN A CARBALLO

10 OM Vía Alcaianus

10 OM Vía Alcaianus

Arredor de corenta participantes se deron cita na terceira das andainas propostas dentro deste X OUTONO EN MARCHA. O percorrido comezaba preto da Lagoa de Alcaián, alí onde a imaxinación debullaba en colocar a mansión romana de Atricondo. E o certo é que algúns historiadores formulan a hipótese de que o itinerario Per loca Marítima  que unía Braga con Astorga paralelo ao mar, percorrería mesmo a carón deste importante humidal bergantiñá.

A ruta pretendeu seguir esa pegada romana a través de interesantes corredoiras aínda en bo estado, mais a parada no humidal de Alcaián obrigou a realentizar a marcha e aumentar percorridos a carón dun espazo degradado dende fai anos e coa ameaza imninente da destrución a través da febre eólica.

Este espazo foi escenario dun dos vestixios máis antigos atopados en toda a provincia: un bifaz paleolítico. A ferramenta de caza súmase ás puntas de frecha probablemente datadas na idade do bronce, tamén localizadas nesta mesma área xeográfica. A riqueza cultural esténdese dende o xeito ecolóxico. E é que ademais da importancia da zona húmida, na zona coexisten  plantas insectívoras e mesmo a Centaurea ultreia , un endemismo do macizo do Monte do Castelo, área na que se asenta Alcaián.

O castro de Arixón avala a pegada castrexa do percorrido e da parroquia de Seavia. A extensión da freguesía é enorme, constituíndo a parroquia máis grande do concello de Coristanco e unha das máis grandes da comarca de Bergantiños. Non en van, a maior parte da vintena de quilómetros do roteiro son camiñados por unha parroquia que alberga tamén o museo de Asunción Antelo, a artista polifacética e autodidacta de Segufe falecida hai poucos anos.

O Monte Aberto de Seavia foi a parada diferente a anos atrás. A actuación por parte do Concello de Coristanco para a rexeneración dun monte abandonado ao desleixo e eucaliptal, ben merece a parada de reflexión. Ninguén mellor que Xosé Antonio Andrade, tamén membro da corporación municipal. O escritor de Seavia que foi capaz de transportarnos á súa parroquia a través da literatura con Seavia é nome de parroquia,  foi quen de adentrarnos nun fermoso percorrido por un encantador camiño antigo de muros, carballos e chan mullido. O recuncho atópase rodeado cada vez máis de intransixentes pistas, algunhas delas de zahorra.

Os folgos da comida transportaron aos camiñantes ata a parte máis fértil da parroquia. A zona baixa da mesma acolle a aldea de Cerqueirás e con ela esquecemos Seavia. Por uns intres entramos na de Traba e nun abrir e pechar os ollos ábresenos paso a Ponte Lubián.

A construción medieval responde con fermosura ao concepto típico de pontes arqueadas, cun cumio  alto no centro do vial. Este paso importante por un caudaloso río Rosende suponse estratéxico nas comunicacións antigas, que fan reflexionar sobre unha posible orixe romana desta construción medieval que separa os concellos de Coristanco e Carballo. É agradable observar unha sinalización do importante elemento cuns materiais integrados na paisaxe como a madeira. Un xeito que escolleron no Concello de Coristanco.

A orixe da vila de Carballo foi o final do itinerario. A visita ao lugar de Cernide, o antigo cemiterio e o lugar onde se atopaba o antigo castro, precedeu a visita a Brea, punto neurálxico da comunicación, cruce de camiños e berce do pan de Carballo.

 

10 OM Vía Alcaianus

Flickr Album Gallery Powered By: WP Frank