Presentación da VI Edición da Escola Ambiental de Senda Nova.

Presentación da VI Edición da Escola Ambiental de Senda Nova.

 

Como cada mes de novembro, dende hai xa 5 anos, ponse en movemento o motor da Escola Ambiental de Senda Nova, que acada este ano a VI edición.

O vindeiro sábado día 4 de novembro ás 11:00h no Espazo da Natureza de Oza, terá lugar a presentación cos máis de 25 rapaces e rapazas da comarca e as súas familias, cos cales compartiremos durante 8 meses actividades e experiencias todas as semanas.

Un ano máis tentaremos achegar ás nenas e nenos de 3º a 6º de primaria ao seu entorno máis próximo, a través de actividades que se realizarán as fins de semana. Dende sesións de aula, roteiros interpretativos a pe, obradoiros de rastreo, actividades ornitolóxicas, e todo tipo de dinámicas que nos axudarán a nenos e monitores a descubrir os tesouros que temos preto da casa, e aos cales moitas veces non lle damos a importancia que realmente teñen, ou ate descoñecemos que existen. Visitaremos lugares máxicos como o Bosque da Ribeira da Pena en Aldemunde, ou o interesantísimo e importante espazo ecolóxico de Razo-Baldaio.

A Escola Ambiental servirá de novo para formar aos máis novos en valores e conciencia sobre o seu patrimonio natural e cultural, e serviralles para acadar un contacto pleno e consciente co seu entorno, aprendendo a coidalo e a saber gozar del sen danalo.

Esta actividade nace grazas á suma e encaixe de moitos esforzos, comezando polo esforzo que realizan os cativos/as e as súas familias en sumar en cada unha das actividades que se levan a cabo no proxecto máis longo de Senda Nova, pasando polos monitores e monitoras que preparan cada sesión con agarimo e ilusión, e rematando co apoio e colaboración que ano tras ano nos ofrece o Concello de Carballo.

Vémonos o sábado, no Espazo da Natureza de Oza para darlle a benvida a este novo curso !!!