Na tarde de onte, tivo lugar a presentación do 8º Outono en Marcha no Espazo da Natureza de Oza, durante a cal coñecemos os pormenores deste programa de actividades que acada xa a súa 8ª edición, e que ano tras ano sae adiante para percorrer e dinamizar diferentes percorridos deseñados para poñer en valor e coñecer o noso patrimonio máis achegado.
Durante a presentación fixemos un pequeno percorrido oral a través de cada unha das seis rutas que se van a desenvolver durante os próximos meses de outubro e novembro, e tamén sobre as actividades paralelas que se van a levar a cabo no propio Espazo da Natureza de Oza e que van incluidas neste programa como son os “xoves de filmes” e os “venres de encontro con activistas” e que se desenvolverán ditos días ás 19:00h no ENO.
Un ano máis, as camiñatas percorrerán os camiños e corredoiras bergantiñáns durante os domingos de outubro e novembro, en xornada completa. Durante estos percorridos tentaremos sacar o máximo partido e información a cada un dos puntos de interese polos que pasamos, camiñar xuntos, disfrutar da paisaxe, comer en grupo e tentar pasar unha xornada diferente de aprendizaxe e convivencia.
O acto contou tamén coa presenza de membros de diferentes asociacións e entidades colaboradoras como son a Agrupación de Voluntarixs de Protección Civil de Carballo, Concello de Laracha, Concello de Carballo e Plataforma en Defensa de Monteneme as cales lle agradecemos a súa asistencia e sobre todo a colaboración que nos brindan un ano máis.
Nas seguintes imaxes poderás atopar toda a información de cada unha das rutas (distancia, data, horario de saida etc) e tamén os prezos e lugares de apuntamento. Lembra que a primeira actividade será “Razo-Baldaio para protexer” e terá lugar o vindeiro domingo 6 de outubro, é unha das saídas máis curtiñas e sinxelas pero especialmente fermosas. Asique non dubides en apuntarte canto antes! Esperámoste, móllate con nós!